
• As concelleiras non adscritas cuestionan que non exista unha partida específica para o aparcadoiro do Hospital Clínico
• Cualifican de “irrisoria” a partida destinada a aumentar o solo industrial
As concelleiras non adscritas de Santiago valoraron este martes os orzamentos da Xunta de Galicia para Compostela, cuestionando as prioridades que o goberno galego fixou nas contas públicas para o vindeiro exercicio. Concretamente centran a crítica en que na “escala de prioridades, o primeiro para o Partido Popular sexa dispor dunhas boas oficinas” xa que, sinalan, “o orzamento destinado á promoción de vivenda pública é case cinco veces menor que o dirixido aos propios edificios administrativos da Xunta”.
Así o manifestou Gonzalo Muíños que se preguntaba este martes en que repercuten na cidadanía “os 18 millóns que a Xunta inviste nos seus propios edificios administrativos fronte os escasos 4 millóns que destina á promoción de vivenda pública”. Isto é así xa que se reservan 6,7 millóns de euros para actuacións de eficiencia enerxética nos edificios administrativos e outros 11,6 millóns para as obras da ampliación de San Caetano.
“Que pasa coa construción do aparcadoiro do CHUS?”
Muíños preguntouse ademais pola ausencia dunha partida específica nas contas do goberno galego para a construción dun novo aparcadoiro na contorna do Hospital Clínico. Lembra que este é o segundo ano no que o executivo de Alfonso Rueda exclúe este proxecto dos orzamentos autonómicos, a pesar do que se recolle no protocolo asinado en xullo do 2024: “xa hai máis dun ano que dixeron que o problema da mobilidade na contorna do CHUS estaba solucionada coa sinatura dese protocolo que se demostrou, e aos feitos me remito, papel mollado” critica.
As concelleiras non adscritas xa advertiran logo da sinatura dese protocolo, asinado pola propia alcaldesa, que o escrito non implicaba ningún compromiso formal para a execución das actuacións necesarias para facilitar o estacionamento no Clínico. De feito, lembra Muíños, “o propio documento detallaba que se deberían desenvolver convenios específicos para abordar cada unha das cuestións que se recollían”. Lamenta a “falta de avances” e critica que con aquela firma “se tratara de enganar á cidadanía asegurando que xa se solucionara un tema que, cada día que pasa, vemos que segue lonxe de facerse efectivo”.
Partida “irrisoria” para a ampliación do solo industrial
Sobre as partidas dirixidas á promoción industrial, Muíños critica os “esforzos” por destacar “anuncios repetidos” como o novo centro de supercomputación de Galicia na Sionlla: “isto xa o anunciara o propio presidente en outubro de 2024 e, aínda que se trate dun investimento de 56 millóns, o certo é que 47,4 proveñen de fondos europeos”.
Para Muíños o “sorprendente” é que desde a Xunta de Galicia se pretenda atender as necesidades de solo industrial que ten Santiago “só” con 272 mil euros que aparecen reservados para a ampliación da Sionlla. O edil non adscrito recalca que para a ampliación do polígono industrial o camiño é desenvolver e urbanizar o SUND-29, un polígono contiguo ao da Sionlla con 407.500 metros cadrados “que permitiría impulsar o crecemento industrial do noso Concello, atraer novas empresas e, polo tanto, xerar emprego de calidade”. Unha actuación para a que, censura, “evidentemente 272 mil euros non só é insuficiente senón unha partida irrisoria”.
Así as cousas, Muíños concluía este martes cualificando os orzamentos como “previsibles” con “anuncios repetidos como o CESGA” e outros anuncios “que non se materializan en nada, como o aparcadoiro do CHUS”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.