
A experiencia “Ruta GR-55 e A Fusquenlla” permitirá coñecer o proxecto por dentro e probar os seus produtos
O Xeoparque do Cabo Ortegal está desenvolvendo nas últimas semanas un intenso programa de actividades para dar a coñecer o territorio desde o punto de vista xeolóxico, pero tamén desde a óptica da natureza, o patrimonio, a cultura e o potencial produtivo que ten o rural da nosa zona. Unha destas experiencias é a ruta que enlazará este domingo Moeche e Cerdido seguindo unha parte do trazado GR-55. O itinerario -de grande valor ambiental, etnográfico e histórico- permitirá descubrir este domingo as peculiariedades xeolóxicas desta parte do xeoparque, relacionadas coas rochas de toelo -unha serpentinita case exclusiva de Moeche e San Sadurniño- e cos materiais ricos en cobre. O remate do percorrido ofrecerá unha magnífica oportunidade, ademais, para coñecer o proxecto A Fusquenlla desde dentro, vendo como funciona o centro de transformación e probando algúns dos produtos elaborados nas instalacións.
Esta é a segunda visita que se fai á Fusquenlla dentro do calendario de 20 rutas programado ao abeiro dunha das accións do Plan de Sostenibilidade Turística en Destino do Xeoparque do Cabo Ortegal. Unha iniciativa promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña -con financiamento Next Generation- que, como indica o seu nome, ten entre os seus obxectivos dinamizar o territorio UNESCO por medio dun turismo de calidade e sostible a longo prazo.
A oferta de experiencias pode consultarse nesta web, onde tamén se poden efectuar as reservas gratuítas para as rutas que aínda faltan por realizarse, entre elas a denominada “Ruta GR-55 e A Fusquenlla” deste domingo 26 de outubro con saída ás 9:45h desde o castelo de Moeche.
Tal e como se describe na central de reservas, trátase dunha camiñada de dificultade media ao longo de 8 quilómetros de distancia que se completan nunhas 4 horas andando sen apuro. Tempo no que o grupo, dun máximo de 12 participantes, se irá detendo en certos puntos para ver con máis detalle as curiosidades xeolóxicas, naturais e patrimoniais que se atopan no tramo modestino da GR-55, a grande ruta que une Betanzos e o santuario de Santo André de Teixido pasando no seu tramo final por terras de San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Cedeira.
A empresa Volta Montana S.L., responsable da actividade, explica que a anterior ruta -realizada o pasado 12 de outubro-permitiu abordar diversos contidos de interese, “combinando a interpretación patrimonial e ambiental e ofrecendo aos participantes unha experiencia completa de contacto coa natureza e co territorio”.
Neste sentido, a visita á Fusquenlla “foi un dos momentos máis destacados da xornada”, apunta a firma de turismo activo, xa que o grupo foi recibido por Carmen Caínzos -produtora das conservas Ay, Carmen!- e por Manolo Varela -concelleiro en San Sadurniño-, quen lles explicaron o funcionamento das instalacións, ademais de dárlles a proba dalgúns dos produtos que se elaboran no obradoiro. “Grazas a esta experiencia, puideron comprender mellor o modelo e o enfoque sostible que caracteriza este proxecto, no que estamos implicados os concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño”, engade Varela.
A Fusquenlla é unha iniciativa intermunicipal que busca recuperar a produción agroalimentaria de proximidade, ofrecéndolle a particulares e pequenas explotacións o equipamento e as instalacións necesarias para produciren todo tipo de conservas vexetais coas máximas garantías hixiénicas e sanitarias.
Ademais, este centro tamén é un dos principais proxectos que se están desenvolvendo en relación co Xeoparque do Cabo Ortegal, que predica precisamente a posta en valor dos recursos agrogandeiros e a soberanía alimentaria como elementos de dinamización do territorio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.