Un grupo de máis de medio cento de persoas participou este domingo na derradeira andaina “Mulleres Rurais na Vía Mariana” de este ano 2025, que tivo saída da Igrexa de San Xulián de Bastavales e meta na Ponte Maceira. Unha iniciativa organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de Moraña Menhir para percorrer en dez etapas o itinerario da Vía Mariana que conecta Moraña co santuario de Santa María da Barca Muxía).
A concelleira de Turismo de Brión, Guarina Rey, foi a encargada de recibir á expedición ao pe da Igrexa de San Xulián de Bastavales nunha xornada moi chuviosa pero que non augou o espírito dos e das camiñantes. Guarina Rey lembrou que “o Concello de Brión forma parte da Vía Mariana e este mesmo verán instalamos uns paneis informativos sobre esta ruta, como o emprazado diante desta igrexa de Bastavales cuxas campás inspiraron a Rosalía de Castro”.
Así mesmo, a concelleira aproveitou para convidar aos participantes a visitaren Brión cun mellor tempo “para desfrutar nas mellores condicións do noso patrimonio cultural e natural, algúns deles no itinerario da Vía Mariana como a ponte romana de Paradela, o Castro Lupario, a igrexa de Bastavales ou a capela de Santa Minia; pero tamén doutros como as Torres de Altamira ou a fervenza do Pozo Negro, por nomear algúns”.
A andaina saíu ás 8:30 horas de Moraña en autobús, iniciando o percorrido a pe na igrexa de Bastavales. A ruta levounos ata a capela de Santa Minia, pasando polo paseo do río Pego. Tras un breve descanso, a expedición dirixiuse ata a igrexa de Brión e por camiños de monte chegaron ata Ponte Maceira, onde foron recollidos polo autobús que os levou de volta a Moraña. Un percorrido no que estiveron acompañados por unha forte e continua choiva, que marcou esta derradeira etapa do ano. As tres restantes ata chegar a Muxía terán lugar no 2026.
A Vía Mariana é un itinerario de catrocentos quilómetros, distribuídos en 17 etapas, que une os santuarios de Nosa Señora do Sameiro (Braga) e Santa María da Barca (Muxía). Brión forma parte desta asociación dende hai dous anos, conformando un desvío alternativo para a decimoterceira etapa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.