Monday 20 de October de 2025

O plan especial que permitirá a implantación dunha área deportiva na Lagoa dá un paso máis coa aprobación provisional por parte da Xunta de Goberno


Sete meses despois da aprobación inicial e unha vez analizadas e resoltas as alegacións presentadas, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito provisional, na sesión ordinaria celebrada este 20 de outubro, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na Lagoa.
A única diferenza con respecto ao documento inicial é un pequeno incremento de superficie, que pasa de 81.551 a 81.823 metros cadrados debido á inclusión dentro do ámbito da superficie total das parcelas catastrais ocupadas en parte pola rúa Vila de Negreira. A intervención urbanística prevista ten unha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello dado o incremento constante do número de entidades e de practicantes de diferentes deportes, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica da actividade física por parte de calquera persoa.
Para cumprir eses obxectivos, no PEID establécese o seguinte reparto:
• EQ-1/EQ-2. Nestas zonas, que suman 25.356,35 m² (o 30,99% do total do ámbito), é onde se emprazarán as instalacións deportivas.
• ZV/EL-1. Esta área, que quedará en estado natural, ten unha superficie de 37.751,45 m² (46,14% do ámbito total do plan) e destinarase á actividade deportiva programada con sendas peonís e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado.
• PZ/EL-2. Trátase dun espazo libre de carácter urbano proxectado como praza pública e que conta cunha superficie total de 7.735,65 m² (un 9,45% do total).
• AP-1/AP-2/AP-3. Estas zonas están destinadas a estacionamentos públicos, suman un total de 7.962,80 m² (9,73% do total) e contan cunha capacidade para 334 vehículos. Teñen unha dobre finalidade: ser utilizadas polas persoas usuarias das novas instalacións e tamén como aparcadoiros disuasorios ou de proximidade pola súa situación inmediata ao centro administrativo e comercial de Carballo.
• VIARIO. O resto da superficie do ámbito, 3.016,75 m² (3,69%), está destinada a regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.
Durante o período de información pública presentáronse seis escritos de alegacións. A maioría foron desestimadas e dúas foron aceptadas parcialmente. Agora, unha vez aprobado de xeito provisional, o plan especial será remitido á Xunta de Galicia para que emita o informe preceptivo no prazo de dous meses.
Outros acordos
Na Xunta de Goberno deste luns 20 de outubro tamén foron adoptados outros acordos, entre eles a aprobación do contrato administrativo correspondente ao servizo de limpeza de bens inmobles municipais, dividido en dous lotes: un que inclúe os centros sociais e edificios culturais e outro para as instalacións deportivas.
O contrato ten un prezo de licitación anual de 217.806,75 euros para o lote un e de 287.452,11 para o lote dous. Nos catro anos de duración do contrato, o Concello de Carballo destinará a este servizo case 1,7 millóns de euros.
Tamén foron aprobadas 11 licenzas urbanísticas, entre elas a de construción dun edificio de 8 vivendas na rúa Tarragona.

Deja un comentario