
A estrutura acometerase antes de que finalice o ano e estímase que o total da obra conclúa no mes de marzo
O novo goberno municipal de Ribeira comezou a súa andadura co estudo e avance no estado de execución de infraestruturas como unha das súas liñas estratéxicas. Nestes días xa se deu un paso máis de cara a consecución da nova residencia de maiores e tamén se avaliou o Centro de Deportes Náuticos, o cal estará emprazado en Aguiño.
A alcaldesa, María Sampedro, denuncia “a situación de parálise na que estaban sumidos moitos proxectos vitais para a veciñanza de Ribeira. Un deles afecta de cheo aos nosos deportistas como é o Centro de Deportes Náuticos. Somos un concello que mira ao mar, tamén no ámbito do deporte, e resulta necesario progresar na execución deste edificio.” Con este obxectivo, recentemente, a rexedora, xunto coa concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, e persoal técnico municipal, mantiveron unha reunión de traballo coa empresa adxudicataria da obra UTE XESTIÓN AMBIENTAL DE CONTRATAS, S.L. e PRACE, SERVICIOS Y OBRAS, S.A.
A partir da vindeira semana chegarán as estruturas prefabricadas de formigón para conformar o esqueleto da nave despois de que fose preciso modificar o proxecto por cuestións do terreo que afectaban á cimentación. Deste xeito, estímase que no mes de novembro dispoña das paredes e, en decembro, conte con cuberta.
Tras esta fase que centrada no exterior do centro deportivo, comezarase a actuar no interior para finalizar a obra, previsiblemente, en marzo.
No que respecta ao equipamento, a mandataria local indica que se contará coa colaboración do Club de Remo para asesorar no material deportivo necesario e idóneo para o correcto desenvolvemento da súa actividade.
A construción consta de 1156 metros cadrados divididos en dous andares. Na planta baixa habilitarase a zona de almacenamento de embarcacións, o foso de adestramento, a recepción, aseo adaptado e almacén. Doutra banda, na primeira planta situarase o salón multiusos con aula e cociña office, despacho, baño adaptado, vestiarios, ximnasio e almacén. O importe total da adxudicación do contrato é de 1.179.750 euros, IVE incluído.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.