Monday 20 de October de 2025

Ampliado ata o 9 de xaneiro o prazo da primeira fase do concurso internacional de ideas para a transformación do Conector Central da cidade


O Concello de Santiago ampliou ata o 9 de xaneiro de 2026 o prazo para presentar propostas na primeira fase do concurso internacional de ideas para a transformación do Conector Central da cidade, visto o enorme interese suscitado pola convocatoria.

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, destacou que “este concurso non vai só de circulacións, non vai só de mobilidade; vai tamén de crear unha infraestrutura verde que nos permita mitigar o impacto do cambio climático na cidade; vai tamén de mellorar a xestión do ciclo da auga, que é unha cuestión clave no século XXI; e vai tamén de crear espazos públicos máis agradables, máis confortables, máis accesibles que favorezan a comunidade e a convivencia”. Engadiu ademais que “a circulación é unha das funcións do espazo público, pero non é a única”.

O concurso, que se convocou o pasado 17 de setembro, desenvolverase en dúas fases e conta cun orzamento de 170.000 euros, cun valor estimado do contrato de 720.000 euros. A primeira fase estaba inicialmente prevista ata o 17 de novembro, pero debido ao elevado interese e á demanda de máis tempo para a elaboración das propostas, o Concello decidiu ampliar o prazo ata o 9 de xaneiro de 2026.

O ámbito do concurso abrangue máis de 45.000 m² e conecta San Clemente e Santa Clara a través da cidade histórica, incluíndo lugares importantes como a praza de Galiza e a porta do Camiño. O obxectivo é repensar o espazo público de forma integral, equilibrando os diferentes usos e priorizando a calidade do espazo urbano, a sustentabilidade e a multifuncionalidade.

O xurado seleccionará, tras esta primeira fase, cinco propostas que pasarán á segunda fase, en que se desenvolverán ata o nivel de anteproxecto. A proposta gañadora recibirá unha compensación de 50.000 euros, mentres que os outros catro equipos premiados recibirán 30.000 euros cada un.

Deja un comentario