Coa gravación dun programa de radio na emisora municipal Radio Fene, concluíu o pasado xoves o II Taller de Radio, promovido pola Biblioteca Municipal “Pérez Parallé” para conmemorar a Semana da Prensa. A concelleira de Cultura e Ensino, Amalia García, foi a encargada de entregar os diplomas aos oito nenos e nenas participantes que, unha vez finalizada a actividade, recibirán copia do programa realizado.
Achegar aos nenos/as ao medio radiofónico mediante o xogo, a investigación e a creatividade sonora, foron os principais obxectivos desta actividade na que os/as participantes realizaron tarefas propias de productores, redactores e locutores de radio. No decurso do taller –que se desenvolveu ao longo de catro sesión de hora e media de duración- os/as nenos elaboraron as súas propias noticias, realizaron unha entrevista ao alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a diferentes traballadores e usuarios da Biblioteca Municipal e do Museo do Humor. E, cara o remate do obradoiro, traballaron na imaxe sonora do seu programa ao que chamaron “BIRA FENE” (BIBLIOTECA E RADIO FENE).
Este II Taller de Radio da Biblioteca Municipal de Fene encadrouse un ano máis na conmemoración da Semana da Prensa 2016.