
Un ano máis, arredor do Día das Bibliotecas temos preparado un programa de actividades que reforzan a oferta anual das nosas bibliotecas, que vai moitísimo máis alá dun servizo de consulta e préstamo de libros. Nas bibliotecas de Carballo podes debuxar, ver unha película, asistir a un concerto, participar nun club de lectura, participar nunha sesión de maxia, desfrutar dun contacontos, visitar unha exposición… porque as nosas bibliotecas están abertas a todo tipo de manifestacións culturais.
A maioría destas propostas alternativas desenvólvense na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, que este 24 de outubro, Día das Bibliotecas, celebra o seu undécimo aniversario con este programa de actividades:
22 de outubro | 17.30 e 18.30 h
Os Ratos de Lonxedetodo presentan Familias diversas, un espectáculo para nenos e nenas de 4 a 8 anos. Nesta ocasión visítanos a ratiña Carolina. Vainos falar da súa mamá Rita, que é a directora da banda de música de Lonxedetodo e da súa mamá Rosalinda, desactivadora de trampas para ratos. Carolina está empezando a pensar qué quere ser de maior.,Contos: Mi papá es un payaso e Families, families, families! Últimas prazas dispoñibles de balde na axenda de carballo.gal.
23 de outubro | 19.30 h
Poesíacordes, con Francisco Castro. O escritor e músico convídanos a percorrer un camiño de emocións a través dos grandes versos da poesía galega, acompañados pola forza das cancións que os arroupan. Unha proposta para todos os públicos no que música e palabra van da man. Entrada libre e de balde, sen inscrición.
24 de outubro | 10.30 h
Para comezar do mellor xeito posible o Día Internacional das Bibliotecas, a partir das 10.30 horas teremos café e chocolate para compartir cas persoas que visiten as nosas bibliotecas.
24 de outubro | 17.00 h
O poder dos contos. Este 24 de outubro queremos transmitirvos un pouquiño da maxia, a fantasía, a creatividade e a ilusión que poderedes atopar nos contos dos nosos estantes. Con ese obxectivo levaremos a cabo unha actividade destinada a familias con crianzas de 3 a 8 anos, na que narraremos os seguintes contos:O incrible neno devorador de libros, A mellor sopa do mundo e A figueira de Pelostortos. Despois, as nenas e os nenos asistentes poderán crear e/ou ilustrar o seu propio conto, deixando voar a súa imaxinación. Reservade praza na axenda de carballo.gal
24 de outubro | 18.00 h
A recoñecida cantautora galega Silvia Penide, galardoada co Premio Martín Códax da Música, dá un novo paso na súa traxectoria creativa coa publicación de Onde está Otti?, un libro infantil editado por Hércules de Edicións dentro da colección Novas Lecturas. Nesta obra, Penide aborda temas como a perda, a amizade e a importancia da imaxinación para afrontar os momentos difíciles. O libro está ilustrado por Estefanía Padullés, artista con ampla experiencia en literatura infantil e divulgación educativa. As súas ilustracións achegan gran expresividade á historia, reforzando a conexión emocional cos pequenos lectores.
No espectáculo asociado ao libro, Silvia interpretará dúas cancións que compuxo inspirada nas mensaxes que latexan nesta obra e outras cancións do seu repertorio, ademais de ir contando aos peques de 4 a 7 anos a historia do libro. Inscricións na axenda de carballo.gal.
31 de outubro | 17.30 h
No peche do programa de actividades arredor do Día das Bibliotecas imolo pasar de medo co espectáculo Este Samaín toca… maxia! O noso espectáculo temático de Samaín está cheo de maxia sorprendente, divertida e pensada para a ocasión, ademais de incluír un fondo de escenario acorde co tema destas datas para facer de calquera desta celebración un evento inesquecible. Lendas e historias misteriosas, as pantasmas, as bruxas… Todos estes clásicos para non durmir están presentes no espectáculo En Samaín toca… maxia! Pero non dá medo de verdade! O importante é que a maxia sexa divertida, abraiante e apta para todos os públicos, neste caso para nenos e nenas maiores de 4 anos. Reservas na axenda de carballo.gal.
E, ademais de todo isto, nas nosas bibliotecas atoparás máis de 80.000 títulos de libros, sobre todo, pero tamén de publicacións periódicas e audiovisuais, e un fondo local integrado por 2.800 obras. Ademais, ofrecémosche 279 postos de lectura, 16 postos con ordenador e unha amplísima oferta de actividades. Se queres máis información, achégate ás nosas bibliotecas!
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.