Monday 20 de October de 2025

A Coruña acollerá esta fin de semana o VIII Campionato Galego de Mus, con 171 parellas participantes de toda Galicia


O torneo disputarase no Casino da Coruña e dará comezo este venres coa inauguración oficial ás 19.45 horas

O Palacio dos Deportes de Riazor acolleu esta mañá a presentación do VIII Campionato Galego de Mus, que se celebrará esta fin de semana na cidade da Coruña e reunirá a 171 parellas chegadas de toda Galicia, clasificadas ao longo do ano en distintos torneos locais.

O campionato está organizado pola Federación Galega de Mus, coa colaboración da Asociación Amigos do Mus da Coruña (AAMC), e conta co apoio do Concello da Coruña. A competición desenvolverase no Casino da Coruña (Rúa Real), onde terá lugar a inauguración oficial este venres 24 de outubro, ás 19.45 horas. A fase final da competición celebrarase o domingo 26, entre as 12:30 e as 14:00 horas.

No acto de presentación participou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, quen destacou “a aposta do Concello por apoiar eventos que, como este campionato, contribúen a manter vivas as tradicións culturais e deportivas da nosa terra, ao tempo que atraen persoas de toda Galicia e dinamizan a cidade durante a fin de semana”.

Así mesmo, estiveron presentes representantes da Federación Galega de Mus e da AAMC, que agradeceron o respaldo institucional e o apoio loxístico por parte do Concello.

O goberno municipal reafirma así o seu compromiso coa promoción do deporte e da cultura popular, favorecendo que A Coruña sexa escenario de eventos que combinan participación, tradición e dinamización social e económica.

Deja un comentario