
• A semana pasada realizáronse os primeiros contactos coa Consellería de Política Social e Benestar, cunha resposta positiva por parte do organismo autonómico.
• Nos próximos días, técnicos da Xunta avaliarán o estado da obra e realizarán o informe técnico.
• A alcaldesa, Ana María López, subliña o compromiso do Concello para que o Centro de Día sexa, por fin, unha realidade.
O Concello de Cariño iniciou as xestións coa Xunta de Galicia para dar unha solución definitiva ao estado do Centro de Día, unha infraestrutura moi demandada polos veciños e veciñas do municipio e que leva anos paralizada. A semana pasada mantivéronse os primeiros contactos coa Consellería de Política Social e Benestar, que mostrou unha resposta positiva e unha disposición inmediata a colaborar na reactivación do proxecto.
Nos próximos días, técnicos da Xunta de Galicia desprazaranse a Cariño para avaliar o estado actual da obra e elaborar un informe técnico. A partir dese diagnóstico, procederase á elaboración dos orzamentos e ao estudo das distintas vías de financiamento e execución, co obxectivo de determinar a opción máis adecuada para culminar o proxecto e permitir a súa posta en funcionamento.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, subliñou o firme compromiso do Goberno local con este obxectivo, destacando que “sabemos que se trata dun proxecto complexo, pero tamén somos conscientes da súa enorme importancia para as nosas persoas maiores e para todo o municipio. Estamos decididos a dar os pasos necesarios para que o Centro de Día sexa, por fin, unha realidade”.
Desde o inicio do mandato, o Centro de Día foi unha das principais prioridades de actuación do equipo de Goberno, plenamente consciente da relevancia deste servizo esencial para o benestar das persoas maiores.
Durante estes dous anos de xestión no consistorio, o actual Goberno local tivo que afrontar numerosos retos derivados dunha herdanza marcada pola falta de compromiso e o deixamento en distintos ámbitos municipais. A pesar diso, conseguíronse avances importantes en cuestións crave, como a recuperación da potabilidade da auga, e agora trabállase coa mesma determinación para lograr a posta en marcha do Centro de Día.
Neste sentido, a rexedora quixo tamén agradecer a implicación veciñal neste proceso e puxo en valor a colaboración cidadá: “Queremos agradecer sinceramente á Asociación de Veciños e a todos os veciños e veciñas a súa preocupación, o seu apoio e a súa mobilización. Traballando da man e con colaboración institucional, estamos convencidos de que lograremos que Cariño conte co servizo que merece”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.