
A nova ordenanza obriga a pagar taxas por recollida de lixo pero descoñécese se vai ir parella á mellora de servizos
O portavoz municipal, Juan David Sixto, reuniuse con representantes do sector e comprometeuse a trasladar o malestar e demandar atención as súas propostas
O portavoz do BNG, Juan David Sixto, trasladou ao goberno municipal de Santa Comba a urxencia de escoitar o sector gandeiro que está a manifestar o seu malestar pola nova ordenanza de taxas de recollida de lixo. Para o BNG, o sector é estratéxico no concello e merece ser escoitado para chegar a puntos de encontro.
“O único que saben é que, a partir de que estea operativa van ter que pagar taxas pola recollida de lixo, o que antes non facía, pero non teñen ningún coñecemento de se iso vai ir parello a melloras do servizo no rural, como o incremento de contedores para a recollida selectiva”, explica Juan David Sixto.
Neste sentido, o BNG de Santa Comba reclama diálogo co sector e que o goberno municipal escoite as súas demandas xa que “se trata dun sector estratéxico para un concello como Santa Comba, prioritario tamén na creación de emprego tanto de forma directa como indirecta e, cando menos, merece ser escoitado”. O portavoz municipal considera tamén que unha suba de impostos tería que ir parella a unha mellora de servizos no rural, “o que é urxente nun concello como Santa Comba que vai a menos de forma acelerada”.
Até agora, o sector gandeiro estaba exento de abonar taxas por recollida de lixo e residuos sólidos urbanos pero coa aprobación da nova ordenanza as granxas de produción de carne, leite e ovos inclúense no cobro segundo as unidades, coa obriga de pagar entre 70, as máis pequenas, e 354,86, as de maior dimensión.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.