Monday 20 de October de 2025

En funcionamento as novas escaleiras mecánicas de Adelaida Muro, en Monte Alto, que contou cun investimento municipal de 1,1 millóns de euros


Inés Rey: “Esta actuación é unha mostra máis do noso compromiso coa accesibilidade universal”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou esta mañá a posta en funcionamento das escaleiras mecánicas de Adelaida Muro, unha nova infraestrutura do barrio de Monte Alto na que o Goberno municipal investiu 1,1 millóns de euros. O obxectivo principal desta actuación é salvar o desnivel existente coa rúa Ángel Rebollo mellorando así a accesibilidade neste enclave.

Sobre esta actuación, a alcadesa destacou que esta é “unha vía de conexión clave para moitos veciños e veciñas do barrio e suporá un avance substancial en materia de mobilidade”.
“Esta actuación é unha mostra máis do noso compromiso coa accesibilidade universal poñendo en marcha solucións que suporán un gran beneficio para todos os veciños e veciñas”, indicou Rey, quen estuvo acompañada pola concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, e polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

O Concello levou a cabo a reconfiguración integral deste percorrido peonil coa instalación, no seu corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas por pranchas de metacrilato, que serven de protección tanto ás persoas usuarias como aos propios elementos electromecánicos das escaleiras, ante os fenómenos meteorolóxicos. O plan de traballos tamén comprendeu actuacións nos sectores laterais da nova escaleira mecánica, coa fin de mellorar o acceso aos sete portais existentes aos lados da escalinata.

A remodelación e instalación das escaleiras mecánicas en Adelaida Muro, cun orzamento de 1,1 millóns de euros cofinanciados con fondos europeos Next Generation únese a outras actuacións de mellora da mobilidade impulsadas polo Goberno de Inés Rey no barrio de Monte Alto, como a reurbanización da rampla do Matadoiro, xa finalizada.

As escaleiras de Adelaida Muro súmanse a outras actuacións de instalación de elementos mecánicos para salvar desniveis, como os ascensores dos Castros e de Pintor Villar Chao.

Deja un comentario