Monday 20 de October de 2025

Mercedes Rosón propón o nomeamento de Carlos Delgado como fillo predilecto de Santiago


• Na mañá deste luns as concelleiras non adscritas rexistraron un escrito no que recollen os méritos para a concesión do título

• Destacan a súa traxectoria como impresor, editor e activista cultural como presidente da Asociación Cultural Rocha Forte desde a súa creación en 1999

As concelleiras non adscritas veñen de solicitar o nomeamento de Carlos Delgado Fernández como fillo predilecto de Santiago de Compostela. Así o anunciou Mercedes Rosón este luns, logo de presentar por rexistro un escrito que recolle os méritos nos que sustentan a concesión deste título, destacando a súa traxectoria como editor, impresor e activista cultural: “é un deses veciños que dedicaron boa parte da súa vida a traballar polos demais, a facer e construír barrio desde o activismo cultural”.

Presidente da Asociación Cultural Rocha Forte desde a súa fundación en 1999, Rosón destaca algúns dos fitos dos que fixo parte, desde a habilitación mesma do Centro Sociocultural en 2005, cando a xunta directiva da asociación consegue que a Deputación mercase unha parcela e a casa familiar do esgrevio médico Ramón Baltar; ata a preparación dun proxecto de restauración da fortaleza Rocha Forte no ano 1999, aínda desde a comisión xestora da asociación. Ou mesmo a cesión do Castelo ao Concello por parte do Arzobispado durante 50 anos, froito dunha negociación na que Delgado “xogou un papel fundamental”, recoñece Rosón.
“Durante estas máis de dúas décadas ten xogado un papel decisivo no impulso de actividades que xa forman parte do calendario anual de propostas culturais como a exposición da camelia” explica Mercedes Rosón que, apunta, “trátase dunha mostra que reivindica o autóctono e dálle significado e relevancia a esta flor que colorea os invernos grises dos nosos xardíns”.

Longa traxectoria como impresor e editor Rosón destaca ademais o papel “importantísimo” na creación literaria en Santiago de Compostela e en Galicia como editor. Sobre todo a partir de 1975 cando se establece como director e propietario da imprenta Minerva na rúa Curros Enríquez con María García, a súa muller e estreita colaboradora. Isto deu lugar á creación, en 1978, de Edicións do Cerne e do seu prelo saíron Os escuros soños de Clío de Carlos Casares, Tempo de Compostela de Salvador García Bodaño, a Obra Literaria Completa de Fermín Bouza Brey ou Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín, “obras imprescindibles do panorama literario galego da segunda metade do século XX” defende a concelleira non adscrita.

Precisamente, Delgado traballara previamente noutras imprentas como Rivera da Fonte Sequelo, Irago Romera do Camiño Novo e Paredes. Para Mercedes Rosón “queda acreditado que estamos a falar dun veciño que, pola súa traxectoria, ben merece ser recoñecido como fillo predilecto de Santiago de Compostela”.

Deja un comentario