Monday 20 de October de 2025

O Festival Carballo Interplay e o programa Apego, que naceu no noso concello, reciben dous dos dez Premios da Crítica de Galicia


Carballo foi protagonista por partida dobre na gala de entrega dos Premios da Crítica de Galicia, os máis antigos de Galicia que brinda a sociedade civil.

Este sábado 18 de outubro, a sede de Afundación de Vigo acolleu a gala de entrega da XLVII edición dos premios, que distinguen artistas e iniciativas nas modalidades de Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital.

Nesta última modalidade foron recoñecidas as contribucións do festival Carballo Interplay, certame de contidos dixitais e webseries impulsado por Xosé Regueira desde a Concellaría de Promoción Económica e Turismo.

O premio foi decidido por un equipo específico formado por Luz Castro Pena, informática, directora de Imaxin software; Chiu Longina, antropólogo, director de Pumpún dixital; Tamara Nóvoa, xornalista, directora d’’ A Movida; Xosé Manuel Pereiro, xornalista, director da revista Luzes; Carme Prol, xornalista, directora de Café Derby 21, gañadora edición 2024; Sara Seco Rial, creadora de contido dixital e Ledicia Costas, escritora, secretaría. Salientaron que o Carballo Interplay “é unha iniciativa pioneira no Estado que logrou consolidarse e manterse sen presentar signos de fatiga”, constituíndose como “un viveiro para a creación dixital galega e en galego, conformando en Galicia un ecosistema rico, diverso e profesional”. Tamén destacaron que se trate dun proxecto dirixido por mulleres.

Tamén foi distinguido outro proxecto co-impulsado polo Concello de Carballo: o programa Apego, que ao longo da súa historia estivo presente en 32 concellos de toda a xeografía galega, e que logrou o galardón á mellor iniciativa cultural. Recolleuno o concelleiro Ramón Rodríguez, como presidente de Alingua, a asociación de concellos que promove Apego, entre outras iniciativas.

Apego é unha iniciativa que trata de fortalecer as canles de transmisión do galego de cara as novas xeracións, precisamente as máis necesitadas de ambientes onde se fale a nosa lingua con total normalidade. Amais do Concello de Carballo, xuntan forzas en Apego os Servizos de Normalización Lingüística dos seguintes concellos: A Baña, Santiago, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois e Vigo. A iniciativa, que está aberta e convida á participación de todo tipo de axentes políticos e sociais comprometidos coa conservación da lingua, ten espazo en liña de seu para informar do desenvolvemento do programa e permitir o acceso a materiais de apoio.

Deja un comentario