Monday 20 de October de 2025

A V Festa do Polbo de Vilaño xa supera as 400 persoas anotadas e agarda reunir a máis de 500 na que se prevé como a edición máis multitudinaria


A V Festa do Polbo de Vilaño xa supera as 400 persoas anotadas e agarda reunir a máis de 500 na que se prevé como a edición máis multitudinaria.

A organización da V Festa do Polbo de Adro de Vilaño anuncia que xa se superaron os 400 tickets vendidos, e espérase unha participación que podería superar as 500 persoas, o que convertería esta edición na máis multitudinaria da historia do evento. A cita terá lugar o sábado 25 de outubro de 2025 no pavillón do colexio de Vilaño, coa colaboración do Concello da Laracha e o servizo de comida de Casa Taboada, “pulpeira de Melide con moi bos resultados na zona”, aclaran dende a organización.

Un dos grandes atractivos deste ano será a Pequefesta, unha iniciativa pensada para que as crianzas, e as súas familias e achegados, tamén gocen desta xornada popular e comunitaria. Haberá merenda gratuíta, inchables, xogos, pintacaras, tatuaxes e globoflexia, creando un espazo familiar onde todos e todas poidan participar.

“Non é só unha comida, senón un espazo comunitario de encontro para pasalo ben e reforzar relacións. Queremos que ninguén quede fóra, por iso buscamos un prezo moi axustado e engadimos a Pequefesta como novidade deste ano”, explica Álex Rama, responsable da organización. “Seguimos firmes no noso compromiso de crear unha comunidade unida e activa de persoas de todas as idades. A festa do polbo é unha iniciativa máis nesa dirección”.

O menú inclúe empanada, polbo á feira, churrasco con criollo, patacas e ensalada, postre, café e chupitos, cun prezo de 35 € para adultos, 20 € para nenos e nenas de 6 a 11 anos, e gratuíto para menores de 6 anos. A xornada estará amenizada polo Dúo Galán e incluirá sorteos e concursos.

As portas abriranse ás 13:00 h, e o xantar comezará ás 14:30 h.

A venda de tickets estará dispoñible ata o xoves 23 de outubro nos seguintes establecementos: Agrobotica, Almacenes Cotelo, Bar Milagre (Larín), Bar da Piña, Carmen y Silvia Belleza y Peluquería, e Tempo Social & Training Center.

Deja un comentario