
Carballo estivo presente no XII Congreso da Rede de Cidades que Camiñan, que se celebrou de xoves a sábado en La Línea de la Concepción e que este ano bateu récord de inscricións, con 170 representantes de institucións e entidades de toda a península. Xunto co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a representante do Concello de Carballo na xunta directiva da Rede de Cidades que Camiñan, Milagros Lantes, viaxou ata a localidade gaditana o concelleiro Daniel Barreiro.
Un dos actos centrais do congreso, cuxo lema foi “Caminando la frontera”, foi a entrega dos Premios Cidades que Camiñan: A Coruña, como cidade grande; Oviedo, como cidade amiga; Allariz e Astillero, na categoría de cidades pequenas; Chiclana e Oleiros, na de medianas (na que tamén fora premiada Carballo no ano 2018) e Grándola e Porto, en cidades portuguesas.
O congreso comezou, como é costume, coa asemblea xeral da Rede de Cidades que Camiñan, na que se abordou o estado de contas, deuse conta das últimas incorporacións e presentáronse as liñas de traballo para o 2026.
Entre as numerosas e interesantes intervencións que puideron escoitarse estes días en La Línea incidiuse na estreita relación que existe entre a saúde e o espazo público, aspecto que centrou os relatorios do psiquiatra José Luis Marín, que analizou de que xeito o entorno urbano inflúe directamente na saúde mental, e da xeógrafa e experta en crianza Marta Román, que abordou a necesidade de devolver as rúas á rapazada como motor de cambio social.
O congreso rematou cunha marcha transfronteiriza entre La Línea e Gibraltar, símbolo do lema do congreso, da necesidade de buscar un espazo compartido e da unión entre territorios.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.