Saturday 18 de October de 2025

Camariñas tinguiuse de rosa en apoio á loita contra o cancro de mama


· Centos de mulleres participaron nunha emotiva andaina solidaria organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro.

As rúas de Camariñas enchéronse de cor, emoción e solidariedade coa celebración da Danza Rosa 2025, unha iniciativa organizada polo Concello de Camariñas en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC) para conmemorar o Día Internacional contra o Cancro de Mama.

A actividade, que partiu ás 16:30 horas da praza do Concello, combinou unha andaina solidaria e unha danza de arcos rosas, á que se sumaron centos de mulleres e homes de todas as idades. O evento concluíu coa representación teatral “Os contos non enchen”, poñendo o broche artístico e emocional a unha tarde dedicada á esperanza, á forza e á unión feminina.

A alcaldesa Sandra Insua presidiu o acto, acompañada por unha delegación das Illas Baleares, pola alcaldesa de Algaida, Margalida Fullana; pola secretaria de Estado de Seguridad, Aina Calvo, e pola presidenta do Congreso dos Deputados, Francina Armengol; ás que agradeceu a súa presenza “nesta tarde que enche de cor e esperanza o noso pobo”.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou o papel das mulleres que loitan e superan a enfermidade, lembrando que “a Danza Rosa é unha homenaxe a todas elas: ás que loitan, ás que superaron o cancro e tamén ás que quedaron no camiño, pero que seguen presentes en cada paso e en cada aplauso”.

Insua tamén quixo subliñar a forza colectiva que define á vila: “cando as mulleres se unen, nada é imposible. Camariñas é un exemplo de solidariedade, humanidade e compromiso coa vida”.

A actividade, que contou cunha ampla participación veciñal, serviu tamén para recadar fondos a favor da AECC, a través do donativo solidario de 7 euros coa camiseta “Camariñas, un mar de piques”, símbolo da unión entre tradición, identidade e compromiso social.

O Concello de Camariñas agradeceu a colaboración da AECC e a implicación das mulleres da vila, que ano tras ano converten a Danza Rosa nun emotivo símbolo de esperanza e loita compartida.

Deja un comentario