Saturday 18 de October de 2025

Inés Rey reivindica a Ramón Maseda Reinante como “referente da loita pola dignidade”


A alcaldesa presidiu a homenaxe organizada pola AVV Atochas-Monte Alto no Campo de Marte

Monte Alto acolleu este sábado no Campo de Marte un acto de homenaxe a Ramón Maseda Reinante, veciño coruñés, socialista e libre pensador, asasinado en 1936 pola represión fascista.

A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o acto organizado pola Asociación Veciñal Atochas-Monte Alto en colaboración co Concello da Coruña, no que se descubriu unha placa conmemorativa que lembra o compromiso de Maseda coa liberdade, a xustiza social e a dignidade humana.

No acto participaron tamén o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, quen destacaron a relevancia de manter viva a memoria democrática e de poñer en valor o legado das persoas que loitaron pola xustiza e a igualdade.

Rey destacou no seu discurso que Maseda foi “un home xusto, veciño exemplar e socialista comprometido co seu tempo” e destacouno como “referente la loita pola dignidade”.

A alcaldesa tamén lembrou a importancia de traballar na reparación da memoria democrática: “Facémolo desde o compromiso coa verdade, coa xustiza reparadora e coa non repetición da historia”.

Ramón Maseda Reinante foi presidente da Agrupación Socialista da Coruña, secretario da Liga Española dos Dereitos do Home e presidente da Sociedade Antorcha Galaica del Libre Pensamiento. A súa figura simboliza, en palabras de Inés Rey, “unha Coruña democrática e demócrata, unha cidade que non esquece e que quere seguir construíndo futuro desde a memoria”.

Deja un comentario