Saturday 18 de October de 2025

O BNG denuncia que a Xunta utiliza os cartos públicos para chantaxear os concellos que non son da súa cor


O Bloque Nacionalista Galego denuncia que a Xunta de Galiza e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, están a empregar os fondos públicos e os investimentos con fins partidistas e electoralistas, castigando aos concellos gobernados por outras forzas políticas e premiando aos que son da súa cor.

A recente nota da Xunta na que se anuncia que “se reservará un millón de euros nos orzamentos de 2026 para licitar o proxecto da futura residencia de maiores de Ribeira” chega despois de meses de parálise e de escusas inxustificadas por parte do Goberno galego. Un bloqueo que, segundo o BNG, responde a intereses políticos e non técnicos, e amosa un trato discriminatorio cara aos concellos con gobernos diferentes ao PP.

A visita realizada hoxe con fotografía incluída e difundida, da conselleira e a nova alcaldesa, é a mellor proba de que a Xunta mantivo paralizado o proxecto da residencia de Ribeira por motivos partidistas. Mentres o BNG gobernou o Concello, o proxecto estivo bloqueado; agora, tras o cambio político, anuncian o mesmo investimento sen que haxa ningún avance real.

O exalcalde e portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, lembra que solicitou en numerosas ocasións reunións coa consellería para desbloquear o proxecto que contaba toda a documentación requirida agás un último informe bloqueado por Aguas de Galiza. Dende o BNG informan que se fixeron cando menos unhas 13 peticións sendo todas ignoradas por Política Social.

O terreo das Saíñas cumpría todos os trámites, os informes eran favorables e o Concello fixo todo o que lle correspondía pero a Xunta paralizou a residencia con escusas falsas sobre unha normativa que non impide a construción da residencia no lugar e mesmo hai informes técnicos que demostran que o terreo é apto. “Isto é usar os cartos públicos para manipular os resultados elctorais e supón un castigo a toda a veciñanza”, denunciou Pérez Barral.

“Os cartos públicos non poden empregarse como arma de chantaxe. O que a Xunta fixo con Ribeira é inadmisible: paralizar un proxecto esencial para as persoas maiores só porque o Concello estaba gobernado polo BNG. Agora que cambiou a cor política, fanse fotos e anuncios. É un insulto á veciñanza”, engadiu.

O BNG esixe que o Partido Popular deixe de usar a Xunta para atender exclusivamente os seus fins partidistas e goberne para todos os galegos e galegas. “Hai que poñer fin a esta política de discriminación e debe actuar con transparencia, equidade e respecto institucional.

O BNG de Ribeira reitera o seu compromiso en seguir defendendo os intereses da veciñanza e lembra que a residencia de maiores é unha infraestrutura fundamental para o benestar social do municipio e da comarca do Barbanza.

“Non imos permitir que se xogue co futuro das maiores por intereses partidistas. Nós seguiremos traballando en positivo, fuxindo desas vellas formas e estando ao lado dos veciños e veciñas”, concluíu Pérez Barral.

Deja un comentario