Saturday 18 de October de 2025

O Concello de Ribeira presenta á Xunta alternativas para o emprazamento da futura residencia de maiores


 O novo executivo local reafirma o seu compromiso con esta infraestrutura a través de cinco localizacións diferentes

O goberno municipal de Ribeira amosa o seu compromiso coa execución da futura residencia de maiores presentando á Xunta de Galicia cinco alternativas -catro nas parroquias (Oleiros, Corrubedo, Carreira e Artes) e unha no centro urbano- para o emprazamento desta infraestrutura despois de que fose preciso desbotar a localización prevista nas Saíñas polos cambios na normativa estatal a causa da DANA.

A alcaldesa, María Sampedro, e demais membros do executivo local mantiveron hoxe un encontro coa conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen anuncia a reserva dun millón de euros inicial dentro dos orzamentos de 2026 da Xunta de Galicia para a materialización do proxecto, o cal formará parte da rede pública autonómica.

Esta colaboración coa Xunta permitirá que a cidadanía de Ribeira conte cunha infraestrutura de “vital importancia” que supón un novo modelo residencial na comarca. A rexedora manifesta que a presentación destas cinco novas alternativas para a edificación exemplifica o compromiso do novo executivo para “reactivar infraestruturas que levaban tempo paralizadas, retomar o diálogo con tódalas administracións e deixar atrás a división.” En menos dunha semana dende a toma de posesión, o novo equipo deu este primeiro paso ofrecendo estes solares co afán de facilitar que ese servizo para os maiores se faga realidade con celeridade.

Unha vez os técnicos avalíen a idoneidade das parcelas presentadas, comezará o resto de tramitación previa á licitación do proxecto.

Deja un comentario