
O filme, impulsado pola directiva da A.VV. de Limodre e dirixido por Iago Varela, recupera a historia da escola a través do relato das diferentes xeracións que pasaron por ela
O acto incluíu unha charla-coloquio sobre as sociedades instrutivas indianas e unha homenaxe ás persoas doadoras
A Escola de Limodre acolleu esta tarde a presentación do tráiler do documental “A Escola da Memoria”, unha produción impulsada pola Asociación Veciñal de Limodre coa colaboración do Concello de Fene, e dirixida por Iago Varela. O proxecto enmárcase dentro da programación especial co gallo do centenario da Sociedade “Hijos de Limodre”, entidade histórica que simboliza o espírito asociativo, educativo e solidario que marcou a identidade da parroquia.
O acto incluíu tamén unha charla-coloquio a cargo de Montse Golias Pérez e Arantxa Fernández Crespo, que baixo o título “As sociedades instrutivas indianas”, afondou no papel das asociacións emigrantes na promoción cultural e educativa de Galiza no primeiro terzo do século XX. A xornada completouse cunha homenaxe ás persoas doadoras que fixeron posíbel a construción da escola.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este documental é unha peza de enorme valor para o legado da parroquia de Limodre, porque recolle as voces e lembranzas do alumnado que pasou pola escola desde 1932 ata o seu peche xa nos anos 2000. É un exercicio de memoria colectiva que permite reconstruír a historia viva dunha comunidade a través das experiencias das súas veciñas e veciños”.
O documental, que recolle entrevistas, imaxes e fragmentos da vida social e educativa de Limodre, foi posíbel grazas á implicación da xunta directiva da A.VV de Limodre, Carlos López e Eulalia Salorio, encargadas das tarefas de documentación e coordinación dos grupos participantes; así como tamén ao esforzo colectivo de persoas que achegaron fotografías, recordos e obxectos para facelo posíbel.
Sandra Permuy quixo tamén agradecer o traballo na dirección da peza, subliñando que “a súa mirada sensible e respectuosa permitiu transformar as voces da memoria nun patrimonio audiovisual para as novas xeracións”.
Desde o Concello de Fene avánzase que a presentación do tráiler serviu de antesala para a estrea do documental completo nas próximas semanas, e como homenaxe á forza comunitaria que fixo posíbel a recollida da historia viva de Limodre no centenario da súa Escola.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.