Saturday 18 de October de 2025

O plan de melloras no barrio de Labañou avanza coa finalización da humanización da rúa Tolerancia


Onte, venres, tivo lugar a recepción da obra, concibida para gañar espazos peonís e mellorar a conexión coa praza lindeira

O Concello avanza coa súa folla de ruta no barrio de Labañou, onde onte se recibiu a obra de humanización executada na rúa Tolerancia, xa peonalizada co obxectivo de conectala coa praza lindeira, un dos principais núcleos de actividade e convivencia veciñal no distrito.

Nestas últimas semanas, os traballos centráronse en adecuar os novos percorridos peonís que discorren entre os bloques residenciais e a praza. “Ao actuar aquí non só gañamos en seguridade viaria, senón que tamén lles damos unha saída natural ás persoas residentes, con espazos de paso máis amplos e accesibles”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Neste sentido, o abano de actuacións incluíu tamén a plantación de case 20 novas árbores entre a praza e a rúa peonalizada. Os traballos para dispor estes exemplares xa foron visibles entre finais de verán e principios do outono, aproveitando días con temperaturas máis suaves para dar tempo a que as árbores enraizasen ben nos parterres, antes de que chegue a tempada invernal.

Díaz puxo en valor esta intervención en Labañou e apuntou que, coa peonalización da rúa Tolerancia, “complétase a unificación dunha ampla superficie destinada a usos múltiples”, en alusión ao parque infantil, o espazo de adestramento de calistenia e a pista multideporte existentes na contorna da praza.

Deja un comentario