Saturday 18 de October de 2025

Tres pezas de coiro, cerámica e téxtil competirán polo premio Artesanía de Galicia 2025 dotado con 9.000€


― O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presidiu a reunión do xurado destes galardóns na que se decidiu nomear os finalistas

― Trátase das pezas presentadas polos obradoiros Jatafarta (Santiago de Compostela), Pal.lium (Cangas) e unha peza colaborativa entre o ceramista Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños) e o obradoiro Coiro Tres Pés (Pontevedra)

― Os gañadores das tres categorías (Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsas Eloy Gesto) daranse a coñecer nun acto público que se celebrará en decembro

― Os Premios Artesanía de Galicia buscan estimular a creatividade dos artesáns galegos, recoñecer a traxectoria profesional e incentivar a mellora continúa do sector con especial atención ás novas xeracións

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de presidir a reunión do xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2025, celebrada na sede da Fundación Artesanía de Galicia en Santiago de Compostela. Tras a reunión, o xurado decidiu dar a coñecer os tres finalistas que competirán pola categoría Premio Artesanía de Galicia 2025, dotado con 9.000 euros. As pezas seleccionadas foron as presentadas polo obradoiro Jatafarta (Santiago de Compostela), especializado en coiro; a do taller de tecido artesanal Pal.lium (Cangas) e unha peza colaborativa elaborada polo obradoiro de cerámica Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños) e polo obradoiro Coiro Tres Pés (Pontevedra), especializado en marroquinería.

Os e as vogais que completaron o xurado foron Laura Fontenla, subdirectora xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial; Antonio Suárez Martín, director do Centro Albayzín e do Centro de Referencia Nacional de Artesanía de Granada; Félix Sanz Sastre, xerente da Federación de Organizaciones Artesanas de Castilla y León Foacal; Lola Dopico, coordinadora do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda Esdemga da Universidade de Vigo; e Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño) gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024. A xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro Castro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.

Tras as oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2025, as seguintes candidaturas (por orde alfabética):

Peza con lema Adega Modular, de Edita Rodríguez Oca, do obradoiro Jatafarta (Santiago de Compostela), un sistema de almacenamento de botellas a través dunha estrutura de carácter modular elaborado con coiro reciclado e endurecido a través da técnica do coiro fervido. O seu deseño ríxido e expansible permítelle adaptarse a distintos espazos, mediante a combinacion de módulos.

Peza con lema Nemein, unha colaboración de dous artesáns: Alberto Añón, do obradoiro de cerámica Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños) que xa resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto 2023 e Jonatan Sarachaga, do taller de marroquinería Coiro Tres Pés (Pontevedra). Nemein é un xogo de té elaborado con barro de Buño que se transporta nun recipiente de coiro curtido con taninos naturais, que busca ser tamén unha cerimonia portátil e unha alianza entre dous oficios.

Peza con lema Preto, de Sandra Bastón, do obradoiro de tecido artesanal en tear Pal.lium (Cangas). Unha prenda de vestir contemporánea baseada nos tradicionais mantóns do tear, coa técnica do levantado ou felpa, unha das máis antigas do tecido artesanal galego.

Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a creatividade e mellorar a profesionalización do sector. Neste sentido, este ano concederanse tres Bolsas Eloy Gesto, dirixidas a artesáns e artesás menores de 45 anos e dotadas con 4.000 € cada unha para investir nun centro de formación especializada.

Co Premio Artesanía de Galicia búscase premiar unha obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a calidade da obra.

O Premio Traxectoria 2025, de carácter honorífico, recoñecerá a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da nosa artesanía.

Deja un comentario