
A iniciativa, que se celebrará o 29 de novembro, repartirá 8.000 euros en premios
O Concello da Coruña organiza o Encontro Emprendemento Coruña 2025, unha iniciativa que busca reactivar a actividade emprendedora na cidade e visibilizar os proxectos que están a construír o futuro empresarial coruñés. “Desde o Goberno de Inés Rey estamos plenamente comprometidos co noso tecido empresarial e, como amosa esta iniciativa, buscamos incentivar ás pequenas empresas para que as súas iniciativas acaden éxito”, indicou Diana Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados.
Este evento, que terá lugar o 29 de novembro, está dirixido a entidades que traballan no ámbito do emprendemento e a proxectos empresariais que teñan iniciado a súa actividade a partir do 1 de xaneiro de 2023, sempre que desenvolvan a súa actividade no termo municipal da Coruña.
O encontro ofrecerá un espazo de exposición e interrelación entre emprendedores, entidades e o Concello, promovendo a cultura emprendedora, o intercambio de experiencias e a posta en valor dos recursos locais. Ademais, os proxectos participantes poderán optar a catro premios económicos: premio ao proxecto máis innovador de 3.000 euros, premio ao mellor proxecto de economía social de 3.000 euros e dous premios ao proxecto con maior impacto local de 1.000 euros cada un.
A selección dos proxectos gañadores será realizada por unha comisión de valoración composta por persoal técnico municipal e representantes das entidades participantes. Os criterios de valoración inclúen a madurez da idea, a innovación, a viabilidade técnica e económica, a experiencia do equipo e o impacto territorial. Con esta iniciativa, o Concello da Coruña reafirma o seu compromiso co emprendemento como motor de desenvolvemento económico e social da cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.