Saturday 18 de October de 2025

O BNG demandará ao Pleno levar á Fiscalía a actuación do Goberno Municipal contra un funcionario.


– O TSXG anula as sancións impostas ao xefe do Servizo de Obras, nun expediente que considera falto de imparcialidade e neutralidade por parte do instructor.

– O Tribunal pon de manifesto que tanto a Concelleira de Persoal como o Alcalde eran coñecedores dos fallos do expediente, pois constan informes en tal sentido da Secretaría Municipal.

– A falta deste xefe de servizo supuxo unha paralización aínda maior nos servizos ao seu cargo: o de Urbanismo e o de Medio Ambiente, Obras e Servizos.

– Os responsábeis deste desaguisado deben asumir as consecuencias da súas malas prácticas, ao tempo que debemos velar polos interses do Concello e da veciñanza.

O BNG de Culleredo levará ao próximo Pleno Municipal unha moción demandando que se remitan á Fiscalía as actuacións do Goberno Municipal, a través da Concelleira de Persoal e do propio Alcalde, contra un funcionario.

Esta iniciativa xa foi anunciada no Pleno do pasado mes de outubro, mais retirouse para dar tempo aos restantes grupos ao seu estudo.

Os feitos que motivan esta demanda nacen na sanción a un funcionario, xefe do Servizo de Obras, sanción que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anula de xeito firme por ser contraria a dereito.

A sentenza, coñecida recentemente, afirma que se vulnerou o dereito de defensa do traballador, denegánsose probas á defensa sen motivación suficiente. Afirma tamén que a instrucción estivo orientada desde o inicio a xustificar unha medida previamente adoptada, evidenciando falta de imparcialidade e neutralidade e que se produciu unha errónea tipificación das faltas imputadas.

Tal e como recolle o Tribunal, tanto a Concelleira de Persoal como o Alcalde, que asinaron as resolucións sancionadoras, estaban informados pola Secretaría Municipal das irregularidades do expediente.

Amén do conseguinte prexuízo económico para o Concello polas indemnizacións que se deberán pagar ao funcionario, produciuse un prexuízo para a veciñanza de Culleredo. A ausencia dun Xefe de Servizo do que dependían naquel intre Urbanismo e Medio Ambiente, Obras e Servizos, provocou un maior estancamento na actividade destas áreas, coas conseguintes molestias para a veciñanza e unha sensación de que nin o funcionariado nin a veciñanza teñen garantido un trato xusto polo goberno municipal.

É por isto que o BNG de Culleredo, á vista dos feitos e da xurisprudencia existente, vé necesario a depuración de responsabilidades no que parece un claro caso de prevaricación administrativa, con trato discrimintorio cara un funcionario, que deriva na perda do seu traballo.

É preciso dar resposta a este desaguisado. O Sr Alcalde e a Sra Concelleira de Persoal, deben asumir as consecuencias da súas malas prácticas.

Deja un comentario