Saturday 18 de October de 2025

A Pobra celebra o seu Xantar de Confraternidade, un punto de “unión” para 750 veciños do municipio e da comarca


· A cita ofreceu un menú completo e tamén actuacións musicais a cargo do grupo Trécola e de Mar Davila Music.

“Este Xantar é un evento que funciona, desde hai tempo, como punto de encontro, de reunión e, sobre todo, de unión para a xente de aquí e a de fóra”. Así describiu o alcalde, José Carlos Vidal, o Xantar de Confraternidade ante os 750 asistentes que acudiron á cita anual. O Concello esgotou, un ano máis, as prazas dispoñibles para o evento reunindo no pavillón Venecia a un amplo número de veciños e veciñas da Pobra e doutros municipios da comarca.

O rexedor incidiu a importancia deste encontro, apuntando que para moitas das persoas asistentes é unha “oportunidade para rencontrarvos con xente á que veredes en contadas ocasións o resto do ano”.

A concelleira de Servizos Municipais, Estefanía Ramos, mostrou o seu agradecemento a todas as persoas implicadas na organización desta cita e “moi especialmente a todas as empresas pola súa contribución e polo compromiso que mostran co benestar social por apoiar iniciativas como esta, que fomentan a convivencia e o coidado ás persoas”. A edil sinalou que é “unha enorme satisfacción compartir este xantar con todos e todas vós, que sodes unha parte fundamental da historia e da vida do noso municipio”.

A cita incluíu un xantar e tamén música. Por unha banda, o menú desta edición constou de dous mariscos, peixe, carne e unha sobremesa. Así mesmo, houbo café e bebidas variadas para os comensais. No apartado musical, o grupo Trécola foi o encargado de pór ritmo á recepción de todas as persoas asistentes. A isto hai que sumar o baile a cargo de Mar Davila Music, que puxo o toque musical a unha tarde que quedará para sempre no recordo.

Deja un comentario