Monday 20 de October de 2025

Bouza reclama máis investimento en Santiago e acusa á Xunta de “desprezar a capital de Galicia”


O deputado socialista denuncia que o incremento da achega pola capitalidade é “absolutamente insuficiente” e reclama que se eleve ata os sete millóns de euros.

Bouza avanzou que o PSdeG presentará emendas aos orzamentos galegos con especial atención á vivenda pública, ás infraestruturas educativas e á mellora dos servizos en Santiago.

O deputado socialista no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, acusou este xoves á Xunta de Galicia de amosar “un desprezo absoluto” á cidadanía galega por “facer anuncios respecto aos orzamentos da Xunta antes de presentalos diante dos propios representantes da cidadanía galega”.
Bouza lamentou que o Goberno galego “empeza ese carrusel de anuncios informativos sen ter presentado previamente ante a Cámara galega eses orzamentos”. “É un desprezo, polo tanto, a toda a cidadanía galega o feito de que o Partido Popular empregue a Xunta de Galicia como se fose o seu cotarrito, para vender en cada unha das cidades e vilas de Galicia todas e cada unha das cuestións que consideren”, engadiu.
No que respecta a Santiago, o secretario xeral socialista cualificou de “absolutamente insuficiente” o aumento anunciado da achega ao Estatuto da Capitalidade, que pasaría a tres millóns de euros. “Non nos sorprende o incremento de 400.000 euros, pero si sorprende que se poida vender iso como un logro, cando co que vai estar destinado en 2026 non vai chegar nin ao que estaba orzamentado en 2009”, afirmou.
O deputado cuestionou que “iso lle pareza un orzamento decente para a capitalidade de Santiago de Compostela ao Partido Popular e ao señor Borja Verea”. Por iso, anunciou que o grupo socialista presentará unha emenda para elevar a contía “polo menos ata os sete millóns de euros”. “É absolutamente vergonzoso que no 2026 a Xunta de Galicia siga desprezando a Santiago de Compostela por non ter reposto nin sequera a contía do ano 2009”, subliñou.
Bouza reclamou ademais a convocatoria do Consello de Capitalidade “para ver realmente cales son as necesidades reais da cidade”, e insistiu en que existen informes técnicos que determinan “canto sería o mínimo que lle correspondería á capital de Galicia para poder ter recursos suficientes para prestar servizos públicos que benefician a todas as persoas que veñen a Santiago”.
O parlamentario socialista adiantou que o PSdeG presentará emendas aos orzamentos con propostas “claras, serias e rigorosas” elaboradas “da man dos colectivos sociais, asociacións e ANPAS”.
Entre as prioridades, Bouza subliñou a necesidade de “apostar decididamente pola construción de vivenda pública en Santiago” e de que a Xunta “cumpra coas súas competencias e deixe de torpedear as iniciativas do Goberno de España en materia de vivenda”. “A vivenda é hoxe unha emerxencia absoluta”, advertiu, e reclamou que se inclúan nos orzamentos partidas específicas para este fin e para a construción de residencias universitarias na cidade.
O socialista mencionou tamén outras actuacións pendentes como a ampliación do polígono industrial, o novo centro de saúde de Conxo, a rehabilitación do mosteiro de Conxo, o centro de día de Fontiñas, a ampliación do comedor do CEIP Raíña Fabiola, a ampliación da Escola Oficial de Idiomas, o conservatorio profesional de música, o conservatorio de danza e un plan de infraestruturas deportivas para Santiago. Ademais, pediu “unha partida específica para o saneamento no rural” e o “aumento da transferencia ao Consorcio de Santiago”.
Bouza concluíu advertindo que o PSdeG “será absolutamente escrupuloso” no seguimento das promesas que faga o presidente Rueda. “Comprobaremos os anuncios do ano pasado e veremos que a maior parte deles quedaron niso, en anuncios, en bombo e platillo nun día dunha rolda de prensa. Non o imos permitir e faremos un seguimento exhaustivo desde o Parlamento”, asegurou.

Deja un comentario