Saturday 18 de October de 2025

O novo goberno de Ribeira porá especial atención aos servizos básicos primando mellorar a calidade de vida dos veciños


 O executivo local alenta a que tódolos grupos políticos sexan exemplo de “paz social” ante o acoso que reciben integrantes do mesmo

Despois do Pleno da moción de censura do 13 de outubro que provocou un relevo na Alcaldía do Concello de Ribeira, o novo equipo de goberno comezou xa a traballar nas distintas áreas municipais e, en consecuencia, resolveron xa as delegacións e tenencias de Alcaldía que se levarán a sesión plenaria na vindeira semana. O organigrama dos 13 edís que integran o executivo local quedará da seguinte maneira:

A alcaldesa María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (UCA) e Persoal. Se ben a UCA pasará a ser asumida en próximas datas por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Ana Isabel Barreiro Rego encargarase de Cultura, Turismo e Igualdade.
Alejandro Vidal Álvarez levará Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías.
A Emilio Pérez Outeiras corresponderalle Limpeza Viaria.
Vicente Reiriz Bretal xestionará Auga e Saneamento.
Víctor Reiriz Lampón estará ao frente de Medio Ambiente e Iluminación Pública.
Ramón J. Doval Sampedro estará a cargo de Relacións Institucionais.
Carmen Pérez Gómez ostentará Promoción Económica, Emprego e Consumo e Xuventude.
Eladio Muñiz Muñiz terá como áreas Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal.
Juana María Brión Santamaría responsabilizarase de Educación, Formación e Promoción da Lingua.
Vicente Mariño de Bricio administrará Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns.
María Herminia Pouso Maneiro dirixirá Economía e Facenda, Vías e Obras.

E, finalmente, Fernando Abraldes Pérez encabezará Mar, Promoción do Litoral e Festexos.

Trátase dunha serie de concellerías coas que se busca prestar “especial atención a todas e cada un dos aspectos que inflúen no día a día da ciudadanía coa finalidade de mellorar a súa calidade de vida”, expresaron os representantes municipais en rolda de prensa.

Neste senso, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, incidiu en que o goberno está formado por “trece persoas que adquiriron un compromiso lonxe de ningún acordo escrito. O único acordo que adquirimos foi de total compromiso con Ribeira e a súa veciñanza.” “Neste equipo único formado por trece concelleiros, estaremos a disposición de tódolos ribeirenses calquera que sexa o ámbito de actuación”, remarcou.

Pola súa parte, o concelleiro, Vicente Mariño, referiuse á boa dinámica de traballo dentro do novo executivo, polo que se amosou seguro de que a cidadanía vai notar ese cambio “para mellor no día a día.”

Coaccións a parte do equipo de goberno

Os representantes públicos municipais tamén anunciaron a toma de medidas ante as coaccións que reciben os edís do executivo. Vicente Mariño manifestou que, dende que se anunciou a moción de censura, sucedéronse os ataques non só nas redes sociais, senón tamén increpándoos na vía pública con insultos.

Ademais, apareceron carteis pegados por distintos puntos do municipio, pancartas e, incluso, pintadas que aluden directamente ás súas persoas. Pero, todo isto, non só se cingue ás rúas e Internet, xa que trascendeu ao ámbito persoal como se constata en ofensivas nos seus domicilios.

Todo isto levou a Vicente Mariño, Herminia Pouso e Fernando Abraldes a presentar denuncia ante a Policía Nacional na noite do 16 de outubro para poñer os feitos en coñecemento do corpo policial e esclarecer a persoa ou persoas que poden estar detrás.

A este respecto, Mariño cualifica como “moi hostil” o ambiente que perciben en Ribeira nos últimos días e que se está desenvolvendo unha “campaña de acoso” con actitudes “difamatorias, con inxurias e ofensivas.” Lembrou tamén a actitude do exalcalde, Luís Pérez Barral, durante o Pleno da moción de censura, quen, durante a súa intervención, dirixiuse ao público para que mirasen os rostros dos concelleiros do PBBI por ser os da “traizón.” Mariño indicou que, se ben os membros do anterior goberno -formado nos últimos días por BNG, PSOE e edís non adscritos que pertencían ao PBBI- anunciaron que houbo coaccións, son o propio Mariño, Pouso e Abraldes os máis afectados. Un modus operandi que responde, segundo atribuíu, a “unha política orquestada por simpatizantes e afíns ao goberno censurado.”
“Ribeira xa pasou esa época de división, de confrontación e de enfrentamento.
Temos que abrir un tempo novo: de paz social, de sumar e non de dividir e de aunar forzas. De todos a unha. E aquí falo dos 21 concelleiros que forman a corporación municipal”, pronunciouse tamén a rexedora, polo que alenta a que se actúe en consecuencia aos termos de “democracia e dignidade”, tan repetidos nestes días. “Invito a tódolos grupos políticos a que sexamos o exemplo desa paz social que hai que trasladar á veciñanza”, puntualizou.

Deja un comentario