Saturday 18 de October de 2025

Rueda pon en valor o CITEEC como exemplo da excelencia científica e reafirma o compromiso da Xunta coa investigación galega


— A Xunta recoñeceu ao CITEEC da UDC como Centro de Investigación Colaborativo da Rede CIGUS, o que supón un apoio económico superior aos 1,2 millóns de euros ata 2027 para I+D+i e equipamento científico

— Enmarca o labor do centro na aposta estratéxica da Xunta pola I+G+i, que busca consolidar un modelo de ciencia aplicada con identidade galega orientada á transferencia e ao impulso á innovación e á investigación

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participou na celebración do 25º aniversario do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, onde puxo en valor a traxectoria deste centro como un dos mellores exemplos da evolución da investigación galega nas últimas dúas décadas e media: “25 anos son moitos e poucos. É un enorme mérito todo o que conseguistes nestes anos”, salientou o presidente.

Rueda salientou que o CITEEC se consolidou como un referente non só da UDC, senón tamén do conxunto do sistema científico galego e estatal, pola súa capacidade para conectar a investigación coa sociedade e xerar valor, innovación e oportunidades: “Nesta visita te das conta o que significa a investigación, o que significa a enxeñaría nas nosas vidas. Hai aspectos da ciencia igual de importantes que a sanidade, e a enxeñaría salva moitas vidas. E axuda a que as nosas vidas sexan máis fáciles”, puxo en valor Rueda.

O presidente subliñou os resultados acadados polo centro, con máis de 300 publicacións científicas entre 2020 e 2024 (case o 40% en revistas de primeiro nivel internacional), preto de 6,2 millóns de euros captados en proxectos competitivos (un terzo deles de ámbito internacional) e un equipo de 85 investigadores que fan posible unha ciencia con acento galego e vocación global.
No seu discurso, Rueda lembrou que a Xunta recoñeceu esta traxectoria coa acreditación do CITEEC como Centro de Investigación Colaborativo no marco de acreditación dos centros de excelencia da Rede CIGUS, o que supón un respaldo á súa excelencia e á súa capacidade de transferencia de coñecemento á sociedade. Esta acreditación tradúcese nun apoio económico superior a 1,2 millóns de euros ata 2027, destinados tanto ao impulso da I+D+i como ao equipamento científico: “Queremos acompañarvos. Os recursos para I+D+i medran o cuádruplo do que medran o orzamento da Xunta. Gobernar é decidir e priorizar. E creo que un país que queira progresar ten que apostar pola súa investigación”, salientou o presidente.

O titular do Goberno galego destacou tamén o impacto social e económico do traballo desenvolvido no CITEEC, centrado en áreas clave para unha construción máis limpa e sostible, como a mellora da durabilidade dos formigóns, o uso da madeira estrutural, a xestión da auga, o desenvolvemento de transportes intelixentes ou a eficiencia no almacenamento de hidróxeno verde: ”A investigación que máis hai que coidar é a das universidades. Estes centros saen da universidade, son eminentemente universitarios, e son un paso adiantado para chegar despois ás empresas que necesitan e demandan este tipo de actividades”, resaltou Rueda. Ademais, resaltou a colaboración constante co tecido produtivo, con 64 contratos e convenios asinados con empresas e entidades no último ano por un valor próximo ao millón de euros.
Rueda enmarcou o labor do centro na aposta estratéxica da Xunta pola chamada I+G+i (a innovación e a investigación feitas en Galicia e con identidade galega), que busca consolidar un modelo de ciencia aplicada, colaborativa e orientada á transferencia: “É bo que se sabía que todas esas investigacións que chega a moitas empresas pioneiras do mundo faise aquí, en Galicia, desde Galicia, e con investigadores, en moitos casos, galegos”, apuntou. Segundo lembrou, esta marca representa o esforzo conxunto de administracións, universidades, centros de investigación e empresas que comparten unha visión global e o selo de calidade propio da ciencia galega: “Eu invítovos tamén a que sexades unha parte importante, fundamental, para presumir desa Galicia Calidade que nos define a todos”, destacou Rueda.
O xefe do Executivo autonómico destacou tamén o papel da Rede CIGUS, “unha auténtica referencia en toda España”, que integra dez centros singulares e, con sinerxías cos tres colaborativos, con máis de 1.600 investigadores e unha captación de fondos superior aos 221 millóns de euros en só catro anos. Desde 2016, a Xunta leva investidos máis de 67 millóns de euros neste ecosistema científico e prevé destinar case 24 millóns adicionais ata 2027 para seguir reforzando a súa actividade.

Deja un comentario