
— O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, anuncia esta intervención destinadas a seguir coa investigación e revalorización deste importante xacemento
— As actuacións amplían as xa realizadas o pasado ano pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude cun investimento de máis de 17.800€
— As sondaxes poranse e marcha ao abeiro das 81 accións que o Goberno galego levará a cabo 2025 en toda Galicia, 14 delas na provincia da Coruña con 217.000 euros
A Xunta de Galicia realizará novas intervencións arqueolóxicas na antiga Vila romana de Brandomil, en Zas, por valor de 18.000€. Así o anunciou hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, na visita que realizou a este xacemento onde salientou que, deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “xa leva investido neste ben máis de 35.000 euros nos últimos dous anos”.
O representante do Goberno galego explicou que as intervencións que se porán en marcha neste xacemento, que forma parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, están destinadas “a seguir coas investigacións do enclave e revalorizalo co obxecto de continuar ampliando os traballos realizados no 2024, por valor de máis de 17.800 euros”.
En concreto, avanzou que este ano se levarán a cabo sondaxes arqueolóxicas valorativas naqueles lugares onde existen indicios con alta potencialidade arqueolóxicas, poñendo o foco na paraxe de Agro de Pedra do Altar. De igual xeito, apuntou que se farán tarefas de consolidación e de difusión para “a posta en valor e maior coñecemento deste importante asentamento romano”.
Plan de actuacións arqueolóxicas 2025
Ángel Miramontes salientou que estas novas accións realízanse ao abeiro do Plan da actuacións arqueolóxicas que cada ano pon en marcha o Goberno galego. Sobre o mesmo, destacou que este 2025 destínanse 1,5 M€ para 81 intervencións, “das cales 14 desenvólvense na provincia da Coruña cunha achega que supera os 217.000 €”.
Finalmente, o titular de Patrimonio Cultural da Xunta puxo en valor que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou de “xeito considerable” a partida reservada para arqueoloxía, “tal e como demostra que, con respecto ao de 2024, superamos máis do dobre as accións só na provincia da Coruña”. Ao respecto, atribuíu esta suba a que “cada vez son máis o número de lugares históricos e de actuacións que precisan de acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación, xa que estamos ante uns bens culturais que posúen unha relevancia incuestionable para Galicia”, aseverou.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.