Saturday 18 de October de 2025

O BNG parabeniza á comunidade escolar do CEIP O Grupo pola mobilización que logrou a cobertura da praza de titoría


Barral anuncia que o Bloque manterá as iniciativas no Parlamento para reclamar as melloras pendentes no centro

O BNG quere parabenizar á comunidade educativa do CEIP O Grupo —familias, profesorado e alumnado— pola súa mobilización e pola unidade amosada nas últimas semanas, que deron como resultado que a Consellaría de Educación finalmente cubrira a praza de titoría que permanecía vacante desde o inicio do curso.

O exalcalde de Ribeira e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, destacou que “este logro é froito da forza e perseverancia das familias, que non se resignaron a aceptar unha situación inxusta e que loitaron polo dereito das crianzas a unha educación de calidade”. Barral tamén puxo en valor o compromiso da dirección do centro e do conxunto do profesorado, “que puxeron por diante o interese do alumnado fronte ao desleixo da Xunta”.

O Bloque lembra que a falta de titoría no curso de 3º B, con 23 nenos e nenas, varios deles con necesidades específicas de apoio educativo, provocou unha situación insostible que só se resolveu grazas á presión social.

Con todo, o BNG manterá as iniciativas rexistradas no Parlamento galego para que a Consellaría de Educación acometa as melloras pendentes no centro. Entre elas, a reforma integral do edificio da antiga comisaría de Policía, o arranxo da cuberta do edificio de Infantil e o pintado exterior do edificio principal, actuacións que levan tempo sendo reclamadas pola ANPA e pola comunidade educativa.

Barral concluíu sinalando que “desde o BNG imos seguir traballando, tanto desde o Concello, desde o Parlamento e mesmo desde a rúa se é preciso, para que os colexios de Ribeira conten cos recursos e as instalacións que merecen. A mobilización e a unidade demostraron ser o camiño para conquistar dereitos e mellorar a educación pública”.

Deja un comentario