A Casa Museo Casares Quiroga acolle, este venres 17 e o 31 de outubro, a proxección do documental ‘Los días azules’ e o recital poético ‘En un lugar limítrofe’, dous diálogos interdisciplinares sobre as pegadas da creación e o exilio
Volve Nexos e faino con dúas propostas de altísimo nivel. O ciclo, organizado polo Concello da Coruña e a Asociación Cultural AÏS, dedicado á intervención e a recuperación da memoria a partir do encontro entre distintas disciplinas artísticas, presentará as obras de dous puxantes creadoras españolas como Elsa Moreno e Laura Hojman. Coas pegadas de María Casares e Antonio Machado como protagonistas, proponse un diálogo coa creación contemporánea e a investigación escénica.
Este venres 17 de outubro, ás 19.00 horas, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá a proxección de ‘Los días azules’, o galardoado documental de Laura Hojman en torno ao legado poético e a vida de Antonio Machado. A película, que pasou con éxito por varios festivais nacionais e internacionais e obtivo 6 premios ASECAN (Asociación de Escritoras e Escritores Cinematográficos de Andalucía), estreouse en 2020 para conmemorar o 80 aniversario da morte do poeta sevillano, falecido no exilio na localidade francesa de Collioure.
No que foi a súa segunda longametraxe, Laura Hojman aborda a vida do poeta como símbolo da España que se perdeu: un canto á importancia da cultura para a vida, para o progreso e para crear unha sociedade mellor. É unha peza poética e comprometida que reconstrúe a vida e o pensamento do escritor a través dun relato íntimo e político. Para iso, apoiouse no labor de Pedro Casablanc como actor, representando a Machado, e nos testemuños de figuras como Ian Gibson, Antonio Muñoz Molina, Elvira Lindo ou Luis García Montero.
A proxección virá acompañada da presenza da autora, quen presentará o seu proxecto e dialogará co público. A sesión será completada cunha interpretación musical en directo de ‘O cant dels ocells’, melodía tradicional catalá segundo a adaptación que fixo Pau Casals para violonchelo.
O venres 31 de outubro, tamén ás 19.00 horas, será a lendaria actriz coruñesa María Casares, outra representante da resistencia, o exilio e a excelencia artística, quen protagonice a segunda sesión desde a visión poética e escénica de Elsa Moreno. A creadora valenciana ofrecerá un recital itinerante baseado en En un lugar limítrofe (o seu poemario publicado pola Editorial La Imprenta en 2023), que explora o exilio emocional, a identidade difusa e a tensión entre a vontade de afecto e o peso da tradición.
Para iso, utilizará de modo moi persoal o propio espazo da Casa Museo Casares Quiroga, convertendo a arquitectura nun territorio sensible e evocador. O percorrido dividirase en dúas partes. Nunha primeira intervención ocupará diferentes habitacións da casa, activando a palabra poética a través da presenza corporal, o silencio e a atmosfera. A segunda desenvolverase na biblioteca, onde a voz da artista entrará en diálogo cos ecos de María Casares, evocando a súa forza escénica e a súa memoria como figura do exilio e da resistencia íntima. Tras o recital, producirase unha conversación aberta coa artista.
As entradas para cada sesión son gratuítas, previa inscrición no correo casasmuseo@coruna.gal ou o teléfono 981 189 856.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.