Monday 20 de October de 2025

Teatro, música e danza para gozar do Outono Cultural da Pobra do Caramiñal


· A programación, que inclúe unha variada selección de espectáculos de primeiro nivel, estenderase nos meses de outubro, novembro e decembro

· Todas as funcións terán lugar ás 19.00 horas no teatro cine Elma

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou, esta mañá, a programación do Outono Cultural 2025, unha proposta que encherá o teatro cine Elma de música, danza e teatro durante os meses de outubro, novembro e decembro. Todas as funcións terán lugar ás 19:00 horas e supoñen unha variada selección de espectáculos de primeiro nivel.

A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, puxo en valor que “o Outono Cultural é un programa que nos permite a todas e todos gozar das artes escénicas”, constituíndo “unha alternativa de lecer accesible e de proximidade para a veciñanza”.

Tal e como detallou a edil durante a presentación, o ciclo abrirase o domingo 26 de outubro, cando o teatro cine Elma se converterá nun edificio totalmente derruído por un bombardeo nunha guerra desatada no corazón de Europa. Durante a representación de ‘Guerra’, da compañía Teatro do Noroeste, irán aparecendo os personaxes do teatro universal que se representaron ao longo da historia.

O domingo 2 de novembro será a quenda de ‘Retrincos de Castelao’, unha produción de Artefeito e Culturactiva incluída no Programa de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. A obra fai un achegamento ao humor na obra do autor de Rianxo, unha das figuras máis relevantes da literatura galega.

A programación continuará o domingo 9 de novembro coa peza ‘As gardiás ou o nó do Tecelán’, da compañía Teatro de Ningures. Nela varias mulleres maiores defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade, o que elas coñecen como envellecer ben.

O ciclo continuará con ‘O proceso’ o domingo 16 de novembro. Nela Malasombra Producións pon en escena unha montaxe que, en ton de comedia, dá conta do xuízo que sufriu Manuel Curros Enríquez.

O domingo 23 será a vez de ‘As desterradas’, de Producións Teatrais Excéntricas. Nesta peza represéntase a heroica resistencia dunha comunidade de monxas á beira do Miño no século XVI cando se ve ameazada pola cobiza da xerarquía eclesiástica.

O sábado 29 de novembro a música será a gran protagonista coa actuación da Orquestra da Cámara Galega. Ao día seguinte, domingo 30, a compañía Ibuprofeno Teatro subirá ao escenario coa súa obra ‘Deadpan karaoke’, un espectáculo unipersoal de carácter participativo que fai que o público se replante unha curiosa pregunta.

O mes de decembro abrirase o domingo 7 coa proposta ‘+Lume, +Ferro’, de Zabala e Atalaias de Caión, unha proposta que mestura tradición, emoción e sonoridades contemporáneas para crear unha experiencia única. A programación pecharase a semana seguinte, o domingo 14, coa peza de danza ‘Od(i)osa’, de Morriña Dance Project.

Agás as obras ‘Guerra’ e ‘Retrincos de Castelao’, todas as demais forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña, unha iniciativa impulsada pola entidade provincial para facilitar o acceso á cultura e apoiar ás compañías galegas.

Deja un comentario