
A actuación será o 11 de setembro de 2026 no Coliseum e as entradas sairán á venda o vindeiro luns 20 de outubro
A Coruña continúa anunciando concertos de gran relevancia nacional e internacional que serán exclusivos a nivel galego. Nesta ocasión, o Coliseum acollerá a La Oreja de Van Gogh, formación que vén de anunciar a súa xira de 30 aniversario. O concerto será o 11 de setembro de 2026 e as entradas sairán á venda o vindeiro luns 20 de outubro a partir das 12.00 horas en www.laorejadevangogh.com.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos coa programación musical da cidade para o ano 2026, que nos sitúa como o gran motor cultural de Galicia e un dos máis importantes do Estado”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Este anuncio é, ademais, o cuarto consecutivo de actuacións no recinto multiusos coruñés de formacións lideradas por mulleres para o 2026. Trátase da duodécima actuación confirmada para o vindeiro ano no Coliseum, sumándose a Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Celtas Cortos (11 de abril), Hijos de la Ruina (17 de abril), Viva Suecia (18 de abril), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Pablo Alborán (4 de xullo) e Aitana (22 de xullo).
La Oreja de Van Gogh celebrará no 2026 o seu 30 aniversario co esperado regreso de Amaia Montero como vocalista percorrendo os principais recintos do país. “Tantas cosas que contar” é o nome elixido para este circuíto que, ademais de ser unha auténtica homenaxe a un dos grupos españois máis recoñecidos en todo o mundo, supón unha chiscadela a un dos seus álbums máis emblemáticos: “El viaje de Copperport”, que este ano cumpre 25 anos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.