Monday 20 de October de 2025

O Concello de Neda investirá 73.000 euros en substituír a totalidade das ventás da Casa da Cultura


O Concello de Neda vén de adxudicar as obras de substitución da totalidade das fiestras da Casa da Cultura, coa única excepción do salón de actos, renovadas a principios deste ano. A intervención suporá un avance na progresiva posta a punto do edificio, que concentra boa parte da oferta de cultural e de lecer municipal.

A administración local investirá 73.097 euros nesta actuación, que contribuirá a mellorar a eficiencia enerxética do inmoble. As dependencias (soto e tres andares) conservan boa parte das ventás orixinais, colocadas en 1960, e non ofrecen un axeitado comportamento térmico nin acústico.

Os traballos, adxudicados á firma Cruzval Obras e Servizos SL, e incluídos no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+2025, implicarán a instalación de novas carpinterías exteriores (25 ventás de distintos tamaños, e tres portas), realizadas en PVC, e con “acristalamento con vidros laminares e baixo emisivos”.

Polo tanto, o cambio suporá unha mellora substancial, contribuíndo a aforrar no consumo eléctrico preciso para quentar e para arrefriar as instalacións culturais. Ademais, permitirá actualizar a estética do inmoble, e reforzar a seguridade en caso de incendio, ao eliminarse as rexas da biblioteca, na que se instalarán vidros laminares anti-intrusión.

Deja un comentario