O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, convidou a cidadanía a participar na cita do vindeiro día 26, a penúltima desta tempada do circuíto Coruña Corre
A temporada do circuíto de carreiras populares Coruña Corre vai chegando, pouco a pouco, á súa recta final. Con só dúas probas por disputar, o Concello ultima xa os detalles de organización correspondentes á cita do domingo 26 de outubro no barrio do Ventorrillo, a penúltima data do calendario do circuíto.
Máis de 2.400 persoas xa están inscritas na proba, que como é habitual contará con percorridos diferenciados, en función da categoría. Na absoluta será de algo máis de cinco quilómetros: sairá da rúa Alcalde Jaime Hervada e alternará treitos de asfalto con outros por pistas de terra, tanto polo Ventorrillo como pola parte alta da Silva.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que o prazo de inscrición segue aberto. Concretamente, ata as 23.59 horas deste domingo 19, as persoas interesadas en tomar parte na carreira poderán formalizar as súas solicitudes e, como sempre, confirmar a súa participación. A información completa está na páxina web de Coruña Corre.
“Estamos a vivir unha tempada apaixonante no circuíto de carreiras populares e o noso obxectivo é rematala cun bo sabor de boca. Primeiro, no Ventorrillo, e xa o 23 de novembro coa última carreira, de peche, no barrio de Novo Mesoiro”, lembrou Vázquez.
Antón Gómez e Inés Alfonso lideran a clasificación xeral absoluta
A só dúas probas de que remate esta edición, o circuíto Coruña Corre 2025 promete emocións fortes neste treito final de tempada. As carreiras do Ventorrillo e Novo Mesoiro porán a proba os actuais ocupantes do podio na categoría absoluta.
Tras cinco carreiras disputadas, á fronte da clasificación masculina está Antón Gómez López, seguido por Daniel Fuentes Bardanca e Paulo Cameselle Juiz. Na feminina, a primeira posición é para Inés López Alfonso, con Noelia Souto e Inés Papín tras ela.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.