Monday 20 de October de 2025

A Xunta contribúe a eliminar un vertido de augas residuais ao río Mandeo , no concello de Oza-Cesuras


Os técnicos de Augas de Galicia detectaron o problema no marco das campañas de inspección e das revisións rutineiras que realiza no dominio público hidráulico

A Xunta, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un punto de vertido de augas residuais na bacía do río Mandeo, no termo municipal de Oza-Cesuras.

Os técnicos do organismo hidráulico, tras realizar as oportunas inspeccións, identificaron que a causa do foco eran os aportes de augas residuais cara a un colector municipal de evacuación de pluviais, localizado no lugar de Pozamillos.

En concreto, persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) iniciou as actuacións tras detectar a incidencia no marco das campañas de inspección e dos labores rutineiros que realiza na rede fluvial da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa.

A análise dunha mostra do vertido determinou a existencia nesta zona de aportes de contaminación fecal, polo que se procedeu a investigar a orixe do vertido e requirir a súa solución. O persoal de Augas de Galicia puxo os feitos en coñecemento do Concello de Oza-Cesuras, titular da rede de pluviais, cuxos técnicos constataron que a orixe estaba na conexión das augas domésticas procedentes de varias vivendas da zona, motivo polo que se lle requiriu aos seus propietarios que eliminaran estas acometidas incorrectas.

Unha vez confirmado pola entidade local que xa foran realizadas as accións correctoras oportunas por parte de varios veciños, técnicos do PCV xiraron unha nova inspección á zona durante a cal puideron confirmar que o punto de vertido ao río fora emendado logo das actuacións executadas.

Deja un comentario