A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa presenta no Instituto Nacional de Administración Pública a nova web de transparencia do Goberno
O ‘Portal de Transparencia e Goberno Aberto’ da Xunta de Galicia acadou 8.556 visitas entre o 7 de marzo, cando botou a andar coincidindo coa entrada en vigor da Lei de transparencia e bo goberno, e o 31 de marzo.
Segundo destacou hoxe a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, durante a presentación do portal no Instituto Nacional de Administración Pública, en Madrid, trátase dunha ferramenta viva e dinámica cunha vocación de mellora permanente e de fomento da participación da cidadanía nos asuntos públicos e na que se irá incorporando aquela información pública que se solicite con maior frecuencia pola cidadanía.
Con case 95.000 páxinas consultadas, este novo portal reafirmase como o punto único, directo e centralizado de toda a información que se debe facer pública á cidadanía, de acordo coa nova normativa básica de transparencia e coa lei aprobada a este respecto pola Xunta.
As páxinas máis visitadas están relacionadas cos altos cargos da Xunta, as retribucións, contratación pública ou normativa en tramitación.
Durante a súa presentación, a directora xeral destacou que o Portal de Transparencia proporciona un acceso sinxelo e directo a contido que antes se publicaba pero estaba disperso, como a normativa en tramitación, as circulares e instrucións de interpretación de normativa, os efectivos de persoal público e as retribucións, perfís e declaracións de actividades dos altos cargos.
Doutra banda, tamén incorpora contido propio e inédito, que é a primeira vez que se fai de acceso público na historia da autonomía. É o caso da relación dos bens inmobles da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou as súas declaracións de bens patrimoniais no momento de toma de posesión e cese, por exemplo.
Estrutura en catro bloques
O Portal http://transparencia.xunta.gal pretende facilitar a procura de información por parte dos cidadáns a través dunha experiencia de navegación máis sinxela, intuitiva e directa. Con ese obxectivo, o Portal estrutúranse en catro bloques: A Transparencia, Temas, Solicitude de acceso á información pública e Outras organizacións.
O bloque A Transparencia incorpora contido divulgativo de carácter xeral sobre a transparencia, sobre os niveis alcanzados por Galicia nas enquisas internacionais de Transparencia e en relación a como se organiza o portal e o tipo de información que se poderá consultar nel.
O bloque Temas estrutura en 6 as temáticas sobre as que se poderá consultar e que se corresponden coas obrigas de publicidade activa: Participación e Relacións coa cidadanía; Transparencia institucional, organizativa e de planificación; Información de relevancia xurídica; Información económica, orzamentaria e estatística; Información en materia de persoal; e Ordenación do territorio e medio ambiente.
O bloque Solicitude de acceso á información pública incorpora toda a información necesaria para realizar unha solicitude e o acceso ao formulario desde o cal se pode presentar electronicamente ou proceder á súa descarga para a súa presentación presencial. Ademais incorpora tamén o acceso ao Valedor do Pobo configurado como órgano independente de control ao que lle corresponderá resolver as reclamacións fronte as resolucións en materia de acceso á información pública.
O último bloque, Outras organizacións, facilita o acceso as páxinas de transparencia dos demais organismos, entidades e organizacións incluídas dentro do ámbito de aplicación da normativa de transparencia, así como a outras institucións públicas que desenvolveron nos últimos anos iniciativas en favor da transparencia e bo goberno.