Thursday 16 de October de 2025

A directora xeral de Administración Local supervisa en Culleredo as melloras nos centros sociais de Castelo e Sueiro financiadas pola Xunta


• Castelo renova xanelas, canlóns e mobiliario con 15.000 euros, e Sueiro inviste outros 15.000 para pechar o soportal, instalar calefacción nunha aula e adquirir material informático, deportivo e xogos para as súas actividades

• As asociacións de Almeiras e Río Trabe tamén reciben subvencións

• O PP de Culleredo reprocha ao alcalde a falta de axudas municipais para as asociacións desde 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta tarde as asociacións veciñais de Castelo e Santo Estevo de Sueiro, en Culleredo, para comprobar as melloras realizadas nos seus respectivos locais sociais con cargo ao Plan específico de acción comunitaria 2025 da Xunta, destinado a mellorar a vida local e dinamizar a participación veciñal mediante o financiamento de obras e equipamento.
Prieto acudiu en primeiro lugar ao centro social da asociación de veciños de Castelo, que recibiu unha achega de 15.000 euros para renovar xanelas, substituír canlóns e bajantes, realizar a limpeza integral da cuberta e adquirir mobiliario, ademais de renovar o equipo informático e o televisor. Prieto visitou a continuación o local de Sueiro, onde se investiron outros 15.000 euros para pechar o soportal con carpintería acristalada, instalar calefacción nunha aula e adquirir un portátil e material deportivo e xogos para realizar as súas actividades. Outras dúas entidades de Culleredo tamén resultaron beneficiarias destas subvencións: a asociación cultural e veciñal de Almeiras, que dotará o seu local de aire acondicionado e calefacción, e a asociación Río Trabe de Acea de Ama, cun investimento de 3.000 euros para equipos informáticos e unha impresora.
Acompañada pola portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, e concelleiros do grupo popular, a directora xeral de Administración Local subliñou o compromiso da Xunta co asociacionismo local “polo seu papel crave na dinamización social e cultural e na mellora da calidade de vida dos veciños”. “Estas obras buscan promover a participación cidadá e fomentar as diferentes actividades que estes colectivos realizan”, explicou.
Pola súa banda, Izaskun García destacou que as asociacións veciñais “son o verdadeiro motor social de Culleredo” e agradeceu o apoio autonómico “para soster o seu labor cultural, deportiva e comunitaria”. Ao mesmo tempo, criticou a falta de respaldo do alcalde, José Ramón Rioboo, ao lembrar que o seu goberno non concede subvencións a estas entidades desde 2023, unha situación que, dixo, “prexudica aos veciños e ao propio concello e evidencia a falta de xestión municipal en Culleredo”.

Deja un comentario