Thursday 16 de October de 2025

O Concello de San Sadurniño distribúe algo máis de 24.000 euros entre oito entidades culturais e deportivas do territorio


  • O Concello resolveu hai unhas semanas as axudas para entidades deportivas e esta mesma semana tamén as destinadas ás asociacións veciñais e culturais.
  • O prazo de xustificación remata o 30 de novembro, aínda que pode solicitarse unha prórroga de ata 50 días máis no caso de que aínda non se completase a programación prevista.
  • Entre axudas en concorrencia competitiva e subvencións nominativas, o Concello de San Sadurniño dedica neste 2025 case 73.000 euros a apoiar o tecido social e deportivo do territorio.

 

A Xunta de Goberno Local do Concello de San Sadurniño acaba de resolver a concesión das subvencións dirixidas a actividades culturais e conservación de instalacións por parte das asociacións veciñais e outros colectivos do municipio. Unha liña de achegas das que se beneficiarán as cinco entidades solicitantes -o Concello admitiu todas as peticións-, entre as que se distribuíron, con distintas contías, un total de 11.238,26€. Estas axudas súmanse á convocatoria de achegas para clubs deportivos, xa notificadas hai unhas semanas, que supuxeron un importe total de 13.000 euros. Neste caso as beneficiarias serán a UDC Narahío, o CF San Sadurniño e o Club fútbol-sala Santa Mariña do Monte. Tanto os colectivos relacionados co deporte como o veciñais e culturais teñen de prazo ata o 30 de novembro para presentar a documentación xustificativa das subvencións recibidas.

Malia que aínda hai máis dun mes de prazo para presentar as xustificacións, cabe a posibilidade de solicitarlle ao Concello a ampliación do prazo nun máximo de 50 días máis por causas debidamente xustificadas -que o Concello debe aceptar- naqueles casos en que aínda falten actividades ou investimentos por facer, como poden ser os relativos a programacións de Nadal ou doutro tipo.

A xustificación, en calquera caso, debe acompañarse das copias das facturas oficiais dos gastos efectuados (e TCs se se contratou persoal) e dos resgardos das transferencias correspondentes se os pagamentos superan os 100 euros. A suma de gastos debe ser, como mínimo, a da cantidade concedida máis o 20% do orzamento presentado na solicitude da convocatoria. 

Se se conta con outras axudas ademais da municipal -doutras administracións ou entidades privadas-, o importe para xustificar sairá de sumar todas as cantidades, incluída a subvención municipal, máis o 20% da axuda asignada nesta convocatoria.  Cómpre ter moi presente que, legalmente, o importe conxunto de todas as subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o dos gastos efectuados.

Nin en Cultura nin en Deportes se admitirán facturas referidas a gastos de comida. Porén, os colectivos veciñais e culturais si que poderán xustificar ata o 25% do orzamento total admitido con gastos relacionados coa compra de materiais funxibles necesarios para as actividades que organicen. Os clubes poden achegar como xustificantes tanto os correspondentes á súa participación en campionatos deportivos como os de funcionamento.

Tamén se deberá achegar toda a documentación impresa xerada -carteis, anuncios en prensa ou en redes sociais…- que acredite a participación municipal no financiamento das actividades. Os modelos de xustificación poden descargarse das ligazóns que hai ao pé desta información.

Para a convocatoria en concorrencia competitiva de actividades no eido da Cultura botaron solicitude cinco asociacións veciñais e culturais, todas elas admitidas. Nesta liña había consignados 11.000 euros dos cales se distribuíron finalmente 10.238,26, segundo as fórmulas e criterios estipulados nas bases e de acordo cos orzamentos subvencionables presentados, sen superar en ningún caso o límite de 4.000 euros de axuda.

Ademais, ás entidades con local en propiedade ou alugado teñen dereito a 1.000 euros fixos máis, que tamén deberán xustificar, para melloras de equipamento ou infraestrutura. Este ano só a percibirá  a asociación Adiante de Igrexafeita, dado que O Castelo de Narahío -a outra con local propio- non concorreu ás subvencións xerais por ter asinado convenio nominativo para o Festival do Río Castro.

Para a convocatoria de Deportes recibíronse tres solicitudes, todas elas admitidas, entre as que se distribuirán 13.000 euros,  primando aquelas disciplinas olímpicas cun maior número de fichas federativas.

AXUDAS PARA ACTIVIDADE CULTURAL
Entidade Actividade Infraestrutura Total
AVV Xuntanza de Lamas 1.716,67 € 1.716,67 €
ACRD Santa Mariña do Monte 1.558,29 € 1.558,29 €
Asociación Cultural Brío 4.000,00 € (*) 4.000,00 €
AVV Adiante de Igrexafeita 1.430,56 € 1.000,00€ (**) 2.430,56 €
Asociación Concienciarte 1.532,74 € 1.532,74 €
Total actividade cultural: 11.238,26 €
(*) Contía máxima para actividade

(**) Só para entidades con local en propiedade ou en aluguer

AXUDAS PARA ACTIVIDADE DEPORTIVA
UDC Narahío 8.496,83 €
Club FS Santa Mariña do Monte 500,00 €
C.F. San Sadurniño 4.003,07 €
Total actividade deportiva: 12.999,99 €

Case 73.000 euros dedicados a apoiar o tecido social
O Concello dedica neste 2025 un total de 24.238,25 euros ás axudas en concorrencia competitiva para Cultura e Deportes. Porén, estas non son as únicas achegas coas que se apoia o tecido social que traballa no municipio, posto que a subvencións nominativas para actuacións concretas destínanse outros 48.500 euros, o que eleva a cifra total deste apartado a un total de 72.738,25 euros.

As beneficiarias de convenios son a Casa do Mel e a AGFA do Eume polo labor desenvolvido na zona da Cortiña e nas actividades relacionadas co sector primario; o Aldebarán e a EF Irmandiños para o sostemento das escolas de volei e fútbol, respectivamente; e a AVV O Castelo de Narahío, pola organización do Festival do Río Castro.

O alcalde, Secundino García Casal, puxo en valor “o elevado investimento municipal” en colaborar co tecido social e deportivo do municipio. “En proporción co noso orzamento e á poboación, seguimos á cabeza da comarca en fondos dedicados a axudarlles aos clubes deportivos e ás asociacións veciñais e culturais. Unha axuda que vai máis aló do económico, posto que todas elas saben que o Concello está sempre dispoñible para botar unha man na loxística dos eventos que organicen, publicitando os seus eventos, etc”.

Deja un comentario