Thursday 16 de October de 2025

A Casa Museo Casares Quiroga acolle a presentación dun libro que conmemora o 50 aniversario do asasinato do sindicalista Moncho Reboiras


A xornada completouse cun percorrido guiado pola mostra ‘A semente de vencer’

Este xoves 16 de outubro continuaron os actos de conmemoración do 50 aniversario do asasinato do sindicalista Moncho Reboiras na Casa Museo Casares Quiroga, onde permanece aberta ao público a mostra ‘A semente de vencer’.

Nesta ocasión, celebrouse en primeiro lugar unha visita guiada a esta exposición e presentouse o libro ’50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras. Moncho Reboiras: Símbolo da Galiza que Loita (1950-1975)’.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou nos actos e destacou que “desde o Goberno de Inés Rey lévase a cabo un traballo intenso, constante e coidado de recuperación da memoria democrática, honrando ás persoas que perderon a vida pola súa defensa da democracia”. O acto de presentación do libro contou coa presenza de Xesús Seixo Fernández, presidente da Fundación Moncho Reboiras, e Uxío-Breogán Diéguez Cequel, director da Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña.

A exposición, que continuará aberta ata o vindeiro 31 de outubro, conta con obras de 14 artistas nas que se homenaxea e se recrea a figura de Moncho Reboiras. Os e as artistas que participan na mostra son Laura Caneira, Ortigha, Cavalinho do Demo (Paula Pereira), Alejandro Mosquera, Ana de Vilatuxe, Pampillo Store (Theresa Lousame), Iago Fernández Díaz, Juanlu Nacha, Leandro Lamas, Celia Arcos, The Pink Phink, Xiralúa, Revolta Creativa (Breo Alamancos) e Estudo Aldea.

Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras (Imo, Dodro, 1950 – Ferrol, 1975), veciño de San Pedro de Visma, foi un destacado dirixente político nacionalista galego e opositor á ditadura franquista. Foi unha figura fundamental no desenvolvemento do sindicalismo nacionalista galego e na reorganización do nacionalismo na clandestinidade durante os últimos anos do franquismo. “Moncho Reboiras é un referente de defensa da xustiza social e do dereito de Galicia a decidir libremente o seu futuro”, sinalou Gonzalo Castro.

Moncho Reboiras foi asasinado pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975, aos 25 anos de idade. A súa morte, acaecida pouco antes da fin da ditadura, converteuno nun símbolo e referente para o nacionalismo galego e a esquerda independentista.

Deja un comentario