Thursday 16 de October de 2025

A Coruña acolle esta fin de semana unha ampla programación de eventos deportivos que atraerán á cidade a milleiros de visitantes


A cidade será escenario de competicións e actividades para todos os públicos en diferentes puntos do municipio, consolidando o seu liderado como destino de turismo deportivo

A cidade da Coruña converterase esta fin de semana nun verdadeiro epicentro do deporte a nivel autonómico e estatal, cunha ampla programación de eventos que abarcan disciplinas como a vela, o piragüismo, o atletismo inclusivo, a halterofilia ou o xadrez.

A previsión é que milleiros de persoas se acheguen á cidade tanto como participantes como acompañantes, nunha fin de semana que volverá demostrar o potencial da Coruña como destino de turismo deportivo e cidade acolledora de grandes eventos.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, sinalou que “A Coruña volve converterse nun gran escenario deportivo ao aire libre, cunha fin de semana chea de propostas para todos os públicos. A combinación de deporte de base, eventos nacionais e probas con vocación social fai que esta programación represente os valores que queremos impulsar desde o Concello”.

Ocean Race Cidade da Coruña – Piragüismo

O sábado 18 celebrarase unha nova edición da Ocean Race Cidade da Coruña, proba de piragüismo organizada pola Federación Galega de Piragüismo. A primeira saída terá lugar ás 11.00 horas na praia de Riazor, e a segunda, ás 13.00 horas na praia de Oza.

Carreira ENKI

Tamén o sábado, ás 16.00 horas, a explanada do Parrote acollerá a carreira ENKI, proba non competitiva de carácter inclusivo organizada pola Fundación ENKI. A actividade, aberta a todas as idades e condicións, combina obstáculos adaptados e xogos participativos, co obxectivo de promover a inclusión social a través do deporte. Hai máis de 15.000 persoas inscritas nesta cita.

Concentración Nacional Mercedes W123

Entre as 14.00 e as 19.00 horas do sábado terá lugar, na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, a décimo sétima edición da Concentración Nacional Mercedes W123, con vehículos chegados de distintos puntos do Estado.

Liga Galega de Clubs de Halterofilia

O Polideportivo Os Rosais será a sede da cuarta xornada da Liga Galega de Clubs de Halterofilia. As tandas desenvolveranse ao longo de todo o sábado, con sesións previstas ás 09.00, 11.00, 13.00, 15.00, 17.00 e 19.00 horas.

Torneo Escolar ERLAC – Xadrez

A Cidade das TIC acollerá o IV Torneo Escolar ERLAC, valedoiro para o XVIII Circuíto Galego de Promoción. Celebrarase o sábado 18 a partir das 11.00 horas, nas categorías Sub 8, Sub 10, Sub 12 e Sub 14. O sistema de xogo será suízo a sete roldas, con ritmo de 10 minutos máis 5 segundos por xogada.

Competición náutica clase J80

Durante o sábado 18 e o domingo 19 celebraranse regatas curtas da clase J80 feminino no campo de regatas próximo ao porto deportivo. Participarán tripulacións procedentes de distintos clubs náuticos do Estado.

Balonmán – OAR Coruña

O sábado 18 de outubro, ás 20.00 horas, disputarase no pavillón do Barrio das Flores o encontro correspondente á División de Honra Prata entre o Attica 21 Hotels OAR Coruña e o Trasmapi Gobycar Citubo H. C. Eivissa. O equipo coruñés xogará na casa ante o seu público nesta nova xornada da competición estatal.

Baloncesto – Leyma Coruña

O venres 17 de outubro, ás 20.45 horas, disputarase no Palacio dos Deportes de Riazor o encontro entre o Leyma Coruña e o Palmer Bàsquet Mallorca Palma, correspondente á tempada 2025/26 da Primeira FEB. O partido, que se adianta á fin de semana, supón unha nova cita co público local na casa para o conxunto coruñés.

Fútbol feminino – Dépor ABANCA

O domingo 19 de outubro, ás 12.00 horas, o Estadio Municipal de Riazor acollerá o encontro entre o Dépor ABANCA e o Atlético de Madrid, correspondente á tempada 2025/26 da Liga F. Trátase dun dos partidos destacados da xornada, cunha gran acollida prevista entre o público local, e que reforza a visibilidade do fútbol feminino de elite na cidade.

Hoquei a patíns – OK Prata: CDM e Dominicos

A cidade contará esta fin de semana con dúas citas de hoquei correspondentes á categoría OK Prata, nas que debutan os equipos coruñeses:
– Ás 18.00 h, o CDM Hockey Patines enfróntase ao Club Patí Tordera
– Ás 18.30 h, o CAA Dominicos recibe ao CH Mataró, no Pabellón de Monte Alto, situado na rúa Alcalde Sanjurjo de Carricarte

Ambos encontros supoñen o inicio da tempada para os dous clubs coruñeses na competición estatal.

Hoquei a patíns – Deportivo Liceo

O sábado 18 de outubro, ás 19.00 horas, o Deportivo Liceo recibe ao Club Patí Calafell no Palacio dos Deportes de Riazor, nun encontro correspondente á OK Liga. O equipo coruñés chega con impulso logo da súa destacada vitoria por 3-5 ante o FC Barcelona no Palau Blaugrana, nun dos partidos máis esixentes da tempada.

Fútbol gaélico – Copa McEvoy

Este sábado 18 de outubro, ás 12.00 horas, a Cidade Deportiva Arsenio Iglesias acollerá a celebración da Copa McEvoy, un encontro homenaxe promovido polo club Fillas de Breogán no marco do seu XV aniversario.

A cita reunirá xogadoras e xogadores históricos do club coruñés e contará cun partido entre Fill@s de Breogán e Ártabr@s, recuperando así a tradición do gaélico na cidade.
Esta ampla programación deportiva é reflexo do compromiso do Goberno municipal que lidera Inés Rey coa promoción da actividade física, a inclusión e o apoio ao deporte base, federado e profesional. A aposta decidida pola organización de eventos en múltiples disciplinas contribúe a reforzar o papel da Coruña como cidade activa, saudable e referente no mapa do deporte galego e estatal, xerando tamén un impacto positivo na economía local, na proxección exterior e na calidade de vida da veciñanza.

Deja un comentario