
As solicitudes poderán presentarse ata o 14 de novembro e os bonos entregaranse no primeiro trimestre do ano
O Concello da Coruña convocan, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas municipais para apoiar o transporte en taxi de persoas con diversidade funcional, o coñecido como Bono Taxi. O programa diríxese a veciñas e veciños empadroados/as na cidade cunha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade e lles impida utilizar o transporte público colectivo.
“O Bono Taxi é unha peza clave das políticas sociais do Goberno de Inés Rey para garantir a mobilidade e a autonomía persoal. Adiantamos a convocatoria dous meses para que as persoas beneficiarias poidan dispoñer do servizo xa no primeiro trimestre de 2026”, sinala a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. O prazo de presentación de solicitudes será do 15.10.2025 ao 14.11.2025, ambos incluídos. A tramitación poderá facerse por vía telemática, a través da sede electrónica municipal (sede.coruna.gal/sede), e de forma presencial, no Rexistro municipal ou por calquera dos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Os requisitos principais son ter tres ou máis anos; residencia e empadroamento no termo municipal da Coruña; recoñecemento oficial de discapacidade no que conste que a mobilidade está gravemente afectada e que impide o uso de transportes colectivos; non ser persoa titular dun vehículo segundo o Rexistro de Vehículos da DXT; non ter recoñecido este beneficio por convenio colectivo, contrato laboral ou outro título, nin ter dereito ao servizo a través de ISFAS, MUFACE ou entidade análoga; non superar a capacidade económica máxima establecida nas bases (210 % do IPREM 2024, calculado segundo o indicado na convocatoria); e estar ao corrente coas obrigas tributarias coa AEAT, coa Seguridade Social e co Concello da Coruña.
A concelleira lembra que, fronte á convocatoria do ano 2025 —na que a repartición de vales deu comezo o 26 de maio—, este adianto de prazos permitirá iniciar a entrega no primeiro trimestre do vindeiro ano, reducindo tempos de espera e mellorando a planificación das persoas usuarias.
A información completa (bases, documentación e instrucións) está dispoñible no BOP de do 14 de outubro e na sede electrónica municipal. Para garantir unha atención á cidadanía áxil e accesíbel, recoméndase a presentación telemática sempre que sexa posible.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.