Friday 22 de November de 2024

Zaid Alhamwy, refuxiado sirio: “pecháronnos a única porta que tiñamos aberta”


Inaugurada en San Sadurniño a exposición “Delincuentes” do fotoxornalista Gabriel Tizón sobre o drama das persoas refuxiadas

A Casa do Concello acolleu este sábado a apertura da exposición “Delincuentes”, froito da actividade xornalística e humanitaria do fotógrafo Gabriel Tizón e da súa compañeira, a traballadora social Rocío Botana, sobre o éxodo masivo de persoas refuxiadas cara a Europa e, máis en concreto, no traballo de voluntariado que se desenvolve nas costas e nos campos de refuxiados. Ademais dos dous impulsores da iniciativa, a presentación da mostra contou coas testemuñas de Aitor Hernández, un dos “delincuentes” retratados por Tizón nas tarefas de rescate en Lesbos, e de Zaid Alhamwy, un dos arredor de 5 millóns de refuxiados e refuxiadas, persoas que foxen “da morte diaria”.

Recén chegados de Idomeni, Gabriel Tizón e Rocío Botana desenvolveron durante esta fin de semana unha intensa actividade de concienciación a través da fotografía, pero tamén da súa experiencia tras varios meses e cinco viaxes para achegarse a unha realidade que non é exclusiva das persoas sirias, senón de moitos milleiros que foxen doutras zonas en conflito permanente como Afganistán ou Iraq. Unha “traxedia humana que está ocorrendo moi preto de nós”, tal e como expresou Secundino García na introdución do evento, ao que asistiron preto de medio cento de persoas.

Gabriel Tizón manifestou que detrás da exposición “Delincuentes” -que pode visitarse na casa consistorial es San Sadurniño ata o 6 de maio- está o ánimo de contar esa realidade “porque os que teñen que facelo non o fan e os que teñen que impedir que isto pase están permitindo que ocorra”. Porén, para Tizón, o o obxectivo principal da exposición, ademais de concienciar, é promover a reflexión sobre algo tan simple como pensar que os seus protagonistas son persoas. “Sempre se fala de números, de medidas que se tomas, pero nunca de persoas: pais, fillos, avós… que ata hai pouco nunca imaxinaron o que están vivindo hoxe. Queremos darlles a palabra a eles, ás persoas esquecidas polos medios”. Pero tamén á xente que axuda e que, precisamente por axudar, está sendo detida e expulsada das zonas máis críticas e tratada como “delincuentes”, de aí o título da exposición.

A traballadora social Rocío Botana considérase unha desas “delincuentes” e síntese honrada de selo igual que o resto de xente “que saímos da nosa casa e fomos axudar e, sobre todo, contar e ensinar o que ocorre, que é o que falta”. Para ela e para Gabriel Tizón existe o obxectivo de ocultar o drama. “Están botando a xente para que non axude e que non fale”, aseguran. Na súa última estadía na zona, en Idomeni, constataron que hai “4.000 nenos enfermos” así como que “está morrendo xente e tentan ocultalo”.

Igual que eles dous, o experto en salvamento marítimo Aitor Hernández -membro de Basque Lifeguards- viviu por si esa situación como voluntario nas costas de Lesbos. “Vin como detían á xente por axudar, impedíannos axudar a nenos e anciáns, persoas que só buscan un sitio onde non haxa bombardeos”. Hernández pediulle ao auditorio espírito crítico: “non vos deixedes influenciar, un pobo informado é máis poderoso, reflexionade sobre quen é o verdadeiro delincuente”.

Nin avanzar nin volver atrás
Na presentación da exposición quedou patente que o acordo ancanzado entre Turquía e a Unión Europea no tocante á deportación de persoas refuxiadas busca precisamente iso, afastar o problema para que deixe de ocupar portadas. “O que pasa en Turquía non é noticia, parece que é outro mundo”, asegurou Tizón deixando entrever que Turquía non é un país que destaque polo respecto dos dereitos humanos. “Dánselle a Turquía 6.000 millóns de euros para que mate…”, afirmou o fotógrafo.

O acordo internacional UE-Turquía é un dos capítulos máis recentes dun problema de anos que se intensificou nos últimos meses con consecuencias dramáticas: milleiros de persoas mortas no mar, outras en mans de mafias que se aproveitan da desesperación. Tal e como explicou Gabriel Tizón, en chegar a Lesbos nunha balsa tardan arredor de 4 horas e para facer a viaxe tiveron que pagar uns 1.200 euros por persoa. Pero unha vez se pon o pé en Europa as penurias non acaban. O fotoxornalista puxo abondosos exemplos, como os de taxistas que cobran cinco veces o prezo dunha carreira cando quen solicita os seus servizos é unha persoa refuxiada, bares nos que cobran varios euros por cargar un móbil “para que poidan chamar un familiar e dicirlle simplemente “chegamos e estamos vivos””, policías corruptos, etc. “Deixamos que cheguen a Europa arruinados e despois devolvémolos”, sintetiza Tizón.

Estímase que hai arredor de 5 millóns de persoas sirias desprazadas. Dentro do malo quen tiveron máis sorte foron as que primeiro marcharon, xa que agora o futuro de quen tente entrar en Europa é incerto. De feito, hai milleiros de persoas ciscadas polas fronteiras que non poden avanzar e ás que só se lles vai dar como posibilidade volver atrás, é dicir, poñer o seu destino en mans de Turquía ou regresar a unha morte case segura no seu país.

Zaid Alhamwy é unha das persoas que conseguiu entrar en Europa. Casado e cun fillo, Alhamwy fuxiu de Siria hai dous anos escapando “da morte diaria” e ansiando poder voltar algún día á súa terra. “Só buscamos unha nova vida segura, poder levar os nosos nenos á escola, á gardería”, explicou. Para el a solución adoptada por Europa pode resumirse nunha única e contundente afirmación: “pecháronnos a única porta que tiñamos aberta”.

Música para pechar a presentación
Trala intervención de Tizón, Botana, Hernández e Alhamwy, na presentación da exposición -que tamén serviu para falar do libro “Muros” e do documental “Lesbos, a illa que non flota”- abriuse unha quenda de preguntas por parte das persoas asistentes e o evento pechou con música.

Alejandro Vizoso, un intérprete moi novo de frauta traveseira, púxolle banda sonora a un relato escrito por el mesmo que se encargou de narrar Rocío Botana. O conto está protagonizado por Mohamed, un neno que se ve forzado a marchar de Siria canda á súa familia por causa da guerra. Tras cruzar o Mediterráneo o rapaz chega a San Sadurniño onde, andando o tempo, chega a converterse “nunha das persoas máis importantes dunha recoñecida ONG”. Foi, sen dúbida, un dos momentos máis emotivos dunha tarde cargada de mensaxe e de convites á reflexión.

A de San Sadurniño non foi a única acción ao redor da concienciación social sobre a crise das persoas refuxiadas emprendida por Gabriel Tizón e Rocío Botana. O venres inaugurouse a fotoescultura “Á Deriva” na praia de Santa Cristina, en Oleiros, mentres que o domingo viu a luz en Santiago a exposición de grande formato “Refuxiados sen camiño”, acompañada dunha marcha simbólica e reivindicativa pola capital galega.