Thursday 16 de October de 2025

A Pobra homenaxea á Policía Local polo seu papel clave na aprehensión de 3,6 toneladas de cocaína


· O acto estivo encabezado polo alcalde, José Carlos Vidal, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde

O Concello da Pobra do Caramiñal rendeu homenaxe a varios axentes da Policía local polo seu labor no operativo contra o narcotráfico desenvolvido recentemente na ría de Arousa, no que se aprehenderon 3,6 toneladas de cocaína.

No acto, encabezado polo alcalde, José Carlos Vidal, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, o rexedor destacou que este é “un premio ao labor de todo o corpo da Policía Local da Pobra, froito do traballo excepcional que vides realizando durante moito tempo. E tamén do esforzo, ese esforzo pola excelencia que día a día poñedes no voso traballo”.

Abalde lembrou que “o traballo destes axentes foi determinante para deter aos tres tripulantes do semisumerxible e localizar un dos dous alixos de droga”, e puxo en valor a colaboración coa Policía Nacional de Ribeira e co equipo investigador de Vigo, que fixo posible o éxito da operación.

“A droga é unha auténtica praga que destrúe vidas, rompe familias e deteriora comunidades enteiras —subliñou Abalde—, pero fronte a ela está o esforzo incesante das nosas forzas e corpos de seguridade, que día a día traballan para construír unha sociedade máis segura e máis xusta”.

O subdelegado fixo tamén unha chamada á implicación social na loita contra o narcotráfico, sinalando que “é unha batalla que non se libra só nas augas ou nas rúas, senón tamén na conciencia colectiva”.

O acto rematou cun recoñecemento público aos axentes homenaxeados, aos que o rexedor fixo entrega dunha placa conmemorativa.

Deja un comentario