Thursday 16 de October de 2025

O BNG urxe á Xunta a garantir médicos en Ribeira, con máis de 3.000 persoas sen médico asignado


Rosana Pérez reta ao PP a incluír a dotación médica no seu “pacto escuro” con PBBI que ninguén coñece e co que se fixo co goberno municipal

Cualifica de “fraude” o suposto plan de reforzo de Sanidade para o verán, que deixou o centro con tan só catro profesionais de 14 en pleno mes de agosto

A deputada nacionalista Rosana Pérez urxiu ao Goberno do PP no Parlamento a garantir facultativos “de xeito estable” no centro de saúde de Ribeira, onde nestes momentos hai máis de 3.000 persoas sen médico asignado que, ou ben teñen que acudir a Urxencias para ser atendidas ou ben son derivadas ao cupo doutros médicos, que “xa están literalmente queimados”, denunciou.

Nunha pregunta en Pleno parlamentario, Pérez tamén retou ao PP a incluír a dotación de facultativos necesaria no centro de saúde dentro do seu “pacto escuro” con PBBI, un pacto cuxo contido, remarcou, ninguén coñece na localidade, pese a que é o que sustentou a moción de censura que permitiu aos populares facerse co goberno municipal.

A deputada do BNG pola comarca comezou a súa intervención recordando que máis de 5.000 persoas da comarca do Barbanza -moitas delas, do concello de Ribeira- formaron parte da cadea humana que, nunha mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, se estendeu ao longo de cinco quilómetros este pasado sábado para reivindicar a dotación de profesionais suficientes nos centros de saúde, unha planificación real para cubrir baixas e xubilacións, e unhas condicións dignas para o persoal sanitario.

“Cinco quilómetros de dignidade e de reivindicación, máis de 5.000 persoas que queremos que vostede poña fin aos recortes e á cada vez máis descarada privatización da sanidade pública”, afeou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao que lle recriminou que o centro de saúde de Ribeira foi precisamente o “exemplo máis claro” de que o plan para paliar a falta de médicos no verán anunciado polo seu departamento “non foi máis que unha entelequia e unha fraude”.

Neste sentido, lembrou que en pleno mes de agosto, cunha enorme afluencia de visitantes, a consellería mantivo en Ribeira a tan só catro dos 14 profesionais cos que conta o centro, unha actuación que cualificou de “temeraria e indecente” e que supuxo unha “sobrecarga inadmisible” do persoal sanitario e unha “demora de até catro semanas de agarda” para a veciñanza.

E diante desta situación, no mesmo mes de agosto os responsables da área sanitaria “seguían repetindo publicamente como discos raiados” que a calidade asistencial estaba garantida, reprochou ao conselleiro. “Non lle cae a cara de vergoña de facer esas declaracións cun centro de saúde baixo mínimos, uns profesionais ao límite e unha cidadanía desatendida?”, cuestionoulle.

A deputada nacionalista afeou a Gómez Caamaño que lle preguntase se estaba enfadada logo da súa interpelación pola situación da atención sanitaria en Ribeira, dada a moción de censura impulsada polo PP na localidade.

“Pregúntame a min se estou enfadada? Pregúntelle aos máis de 3.000 veciños e veciñas de Ribeira que non teñen médico asignado, pregúntelle ás miles de persoas que en Ribeira neste momento seguen sen médico asignado a día de hoxe, xa non lle falo do mes de agosto que foi absolutamente un caos, senón a día de hoxe, que teñen dúas semanas de agarda para que os reciba o seu médico de cabeceira, o de seu, entre comiñas”, recriminou.

Pérez advertiu ao conselleiro que se o que espera é que o BNG vaia ao Parlamento “a aplaudirlle”, “non vai ser o caso” porque “non o merece” e porque non “cumpre co que ten que cumprir”. “Vostede, neste momento, ten credibilidade cero”, remarcou ao responsable de Sanidade, ao que recordou que a moción de censura é froito dun “acordo escuro” entre “os seus colegas de partido e os tránsfugas do seu propio partido”.

“Non hai unha soa persoa dos máis de 27.000 habitantes de Ribeira que coñeza neste momento en que consiste o pacto que asinaron eses dous partidos ou un partido cos tránsfugas do propio partido”, recalcou, para advertir a continuación que hai xente que di que ese acordo “é un folio en branco”, sen compromisos nin propostas, polo que rematou a súa intervención volvendo a retar ao Goberno do PP a incorporar como primeiro compromiso dese “escuro pacto” a dotación médica que necesita o centro de saúde.

Deja un comentario