
Despois da excelente acollida que tivo o parque temático dedicado ao trolebús no Rego da Balsa, xa estamos preparando a próxima estrea, porque o novo espazo de xogos da Praza do Outeiro está moi avanzado e moi pronto estará a disposición da rapazada. Neste segundo proxecto de Carballo para a infancia, o elemento central é un gran carballo de seis metros de alto, que xa está case rematado. O alcalde, Daniel Pérez, e os concelleiros de Servizos, Miguel Vales, e Obras, Luis Lamas, achegáronse hoxe para velo.
O gran carballo de madeira, no que poderán xogar nenos e nenas desde os catro ata os catorce anos, en capacidade para un mínimo vinte usuarios/as xogando ao mesmo tempo. A árbore ten unha enorme copa formada por oito poliedros independentes, pero unidos entre si, que albergarán distintos xogos: escalada, reunión, paneis lúdicos, elementos transpasables, trepa… e un tobogán-túnel de 3,75 metros de alto. A árbore, igual que o trolebús do Rego da Balsa, terá iluminación nocturna.
Coa instalación desta gran árbore preténdese dotar á zona dun elemento lúdico con gran capacidade, revalorizar a oferta de equipamento infantil e crear unha peza icónica que realza a identidade do noso concello e ademais compleméntase cos dous carballos naturais existentes na praza.
Todos os elementos do novo parque da Praza do Outeiro son de madeira, e permiten crear unha zona de xogos que lembra un bosque no que os nenos e nenas poden bambearse, trepar, saltar… Seguro que lles vai encantar!
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.