Thursday 16 de October de 2025

A Pobra presenta a XXVII edición das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán


· Foron presentadas, esta mañá, pola concelleira de Cultura, Patricia Lojo, o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do museo Valle-Inclán, Antonio González

O Concello da Pobra do Caramiñal presentou esta mañá a vixésimo sétima edición das Xornadas en homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, unha cita xa consolidada no calendario cultural do municipio e que busca poñer en valor a figura e obra dun dos autores máis importantes da literatura galega e española.

Tal e como sinalou a concelleira de Cultura durante a presentación, estas xornadas “son unha oportunidade para achegar a figura de Valle-Inclán á veciñanza, a través de diferentes propostas pensadas para chegar a público de todas as idades”. O programa desenvolverase ao longo dos meses de outubro e novembro e inclúe conferencias, exposicións, teatro na rúa, obradoiros e moito máis. No acto participaron tamén o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do museo Valle-Inclán, Antonio González.

O calendario comezará este sábado, 18 de outubro, coa conferencia ‘Valle-Inclán na arte galega’, a cargo de Miriam Elena Cortés López, profesora na USC e membro do grupo de investigación Iacobus. Será ás 20:00 horas no Auditorio da biblioteca municipal.

O domingo, día 19, ás 12:30 horas, o Cantón da Leña será o punto de encontro para o roteiro teatralizado ‘Los blasones de Viana del Prior. Visita teatral por A Pobra por los mundos de Valle-Inclán’, conducido polo actor e guía Suso Martínez.

As xornadas continuarán o martes 21 e o mércores 22 de outubro, ás 11:30 horas, con funcións para escolares da compañía Teatro Cachirulo, que representará a adaptación con monicreques de ‘Farsa italiana enamorada del rey’, nos colexios CEP Pilar Maestú Sierra e CEP Salustiano Rey Eiras respectivamente.

O xoves 23, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a inauguración da exposición ‘Castelao: a santificación de Valle-Inclán. Da estrea mundial de Divinas Palabras ao exilio’, comisariada por Antonio González Millán.

O venres 24, tamén ás 20.00 horas, presentarase no Museo de Valle-Inclán a publicación facsímile de ‘A miña irmá Antonia’, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O ciclo continuará o sábado 25 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio da biblioteca municipal, coa conferencia do escultor e tratadista Gonzalo Sánchez Mendizábal, baixo o título ‘Valle-Inclán como inspiración da arte’.

A xornada central homenaxe celebrarase o mércores 29 de outubro, conmemorando o seu nacemento. Dende as 12:00 horas, o grupo GMT Caraveiros, ofrecerá unha ruada musical polos principais espazos da vila: Alameda, xardíns de Valle-Inclán, mercado municipal, prazas de García Martí, Cantón da Leña, Fonte dos Catro Canos e Galicia. Ás 12:30 horas terá lugar a ofrenda cívica diante do monumento de Valle-Inclán no Cantón da Leña.

O xoves 30 de outubro, ás 20.00 horas, presentarase no Auditorio da biblioteca municipal o nº 2 da revista Foro Galicia e Valle-Inclán, dirixida por Xaquín del Valle-Inclán e dedicada á investigación e divulgación da obra.

Xa en novembro, o domingo día 2, ás 12:30 horas, a Alameda acollerá a primeira das representacións de rúa de Títeres Alakrán: ‘Xan Quinto e outros romances de cego’, con Borja Ínsua, que continuará despois na praza da Fonte dos Catro Canos.

O sábado, 8 de novembro, ás 11:30 horas, celebrarase no Museo de Valle Inclán, na sala de iconografía contemporánea, un obradoiro de caligrafía artística impartido por Alba Farto, baixo o título ‘Arte da rotulación e lettering’, dirixido á mocidade e persoas adultas.

O ciclo pecharase o sábado 15 de novembro, ás 20:00 horas, coa representación de Teatro en Punto, que levará á rúa a obra ‘A miña irmá Antonia’, unha das novelas breves de Valle-Inclán, con dirección de Gloria Rico Galán. A función desenvolverase na Alameda e continuará na praza Fonte dos Catro Canos.

Paralelamente, desenvolverase a acción cultural ‘De Santos a Nadal – Letras de aquí e acolá’, coa colocación de marcadores conmemorativos en distintos establecementos da vila, nos que se recollerán palabras de amor e loanza de Valle-Inclán á Pobra do Caramiñal.

Deja un comentario