
O portavoz nacionalista, Xoán Bautista Mariño, anuncia distintas iniciativas para frear a discriminación da Xunta a Dodro
Presentan centos de alegacións -en só tres días- a un proxecto que afonda “no abandono do rural e das persoas que máis o necesitan”
O BNG de Dodro denuncia que o novo proxecto da Xunta que regula o transporte público na comarca da Barbanza supón unha grave discriminación para o concello e afonda no abandono do rural e das persoas máis necesitadas. Neste sentido, presentaron alegacións no periodo e información do proxecto e rexistrarán iniciativas parlamentarias para impedir o que suporá a eliminación da maioría de servizos existentes.
“Se a situación xa era grave, o novo proxecto da Xunta supón un deterioro absoluto do transporte público, deixando sen servizo á veciñanza de Dodro, en especial, a quen ten obriga de trasladarse por cuestións médicas, laborais ou escolares”, sinala o portavoz de Dodro, Xoán Bautista Mariño que rexistrou as alegacións ao proxecto despois de recollida de sinaturas canda a AA.VV. San Xoán de Laíño e U.V. de Dodro. Recollida á que se sumaron a ANPA de Dodro, Club Deportivo Dodro, Asociaición de Veciños de Eiró entre outras.
O escrito entregado á Xunta mostra a oposición veciñal ao novo proxecto e recolle tres puntos básicos nos que se centran as reivindicacións. O primeiro deles esixe que se manteñan os actuais horarios de transporte público coa mellora da comunicación co instituto de Padrón e co centro de saúde de Lestrobe en horario e analíticas e reforzo as horas centrais do día para regresar.
Ademais, as alegacións reclaman que se melloren e reforcen as actuais frecuencias das liñas Santiago de Compostela-Ribeira nos dous sentidos e, finalmente, solicitan que non se dea validez ao proxecto de explotación por consideralo discriminatorio e non cubrir as necesidades da veciñanza de Dodro que ficarían illadas das comarcas veciñas.
Neste sentido, denuncian que o novo proxecto da Xunta que regula o transporte público na comarca do Barbanza, no canto de responder á demanda histórica de mellora do servizo, afonda na discriminación coa perda da maioría dos servizos que ten na actualidade.
Co proxecto da Xunta, por exemplo, desde as 8:30 da mañá non habería ningún servizo que cubrira a zona até pasadas as 13:30. “Esta situación vai complicar a vida de moitas persoas, en especial as que non teñen vehículo propio e teñen que acudir ao centro de saúde, a facer unha xestión ou a calquera acción pola que se teñan que trasladar necesariamente”, sinala Xoán Bautista Mariño. Por exemplo, para ir ao hospital, o novo proxecto implicaría chegar como moi tarde ás 9:30 e non terían autobús de volta até as 13:15.
Complícase tamén, segundo sinalan no texto de alegacións presentado, a comunicación con Santiago xa que, quen non atope praza no autobús de regreso das 15:15, por exemplo, tería que agardar até as 19:00 para o seguinte servizo mentres outros concellos contan con autobuses cada hora para ir e volver. Con Rianxo a frecuencia ficaría reducida a un servizo pola mañá a primeira hora e outro pola tarde.
“Se a finalidade era mellorar o servizo, a Xunta dirixiuse no sentido contrario, afondou nos recortes e no esquecemento da veciñanza de Dodro, complicando aínda máis a súa vida, en especial, a da mocidade que ten que acudir aos seus centros de ensino e a das persoas maiores que precisan que se lle facilite a mobilidade”, sinala Xoán Bautista Mariño.
“Non se pode aceptar que un servizo público subvencionado beneficie unhas poboacións á conta de castigar outras, sobre todo no rural, onde cada vez existen menos oportunidades”, sinálase no texto de alegacións que denuncia tamén que a Xunta estea a inxectar máis cartos no novo contrato ao tempo que se recortan servizos e se afonda na desprotección e o abandono do rural.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.