
A alcaldesa participou no acto de fin de obra organizado por Iberdrola, executora dos traballos no edificio da Costa da Palloza
Este ano, o Concello emitiu axudas por valor de cinco millóns de euros para cofinanciar actuacións de rehabilitación enerxética en distritos como a Cidade Vella, o Barrio das Flores, Labañou e O Ventorrillo
A alcaldesa, Inés Rey, participou hoxe no acto de fin de obra pola rehabilitación enerxética da Torre Efisa, unha intervención executada pola empresa Iberdrola e que supón un importante punto de inflexión en materia de eficiencia e sostibilidade para a comunidade veciñal deste bloque residencial de Catro Camiños, un dos máis emblemáticos do verticalismo coruñés de finais dos anos 60.
Con máis de 180 vivendas e 70 locais comerciais, a Torre Efisa acaba de illar e renovar as súas fachadas e cubertas, electrificando os seus sistemas de calefacción e auga quente, incorporando bombas de calor e un sistema de autoconsumo composto por máis de 200 paneis fotovoltaicos, o que contribuirá a reducir substancialmente a súa dependencia de calefacción e tamén as emisións de CO2.
Esta mañá, Inés Rey apuntou que “os traballos que se executaron no edificio en materia de rehabilitación enerxética son moi importantes para gañar eficiencia e sostibilidade. É un compromiso que compartimos desde o Goberno municipal porque entendemos que é fundamental mellorar o confort e calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
Neste sentido, tal e como lembrou a rexedora, o Concello lanzou este ano un paquete de axudas por valor de 5 millóns de euros para cofinanciar actuacións de rehabilitación enerxética en bloques residenciais de diversos distritos da cidade herculina. Concretamente, nos ERRP da Cidade Vella – Pescaría, o grupo de vivendas María Pita (Labañou), as Casas de Franco (Ventorrillo) e o Barrio das Flores.
No acto da Torre Efisa tamén participaron a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e, por parte da empresa executora, Iberdrola, o seu delegado institucional en Galicia, Francisco Silva Castaño, o responsable comercial no territorio galego, Borja Cancela Blasco, o responsable de Smart Clima, Víctor Carballo Collado, e a responsable de Rehabilitación, Vanessa Castro Jiménez.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.